Baltar pide “reverter” o peche do paridoiro mais garante o voto a favor desa decisión

Di que a demanda de que se manteña o servizo en Verín é un “clamor unánime” mais nega que os e as deputadas ourensás do PP vaian desmarcarse no Pleno.

Feixoo e Baltar
photo_camera Feixoo e Baltar

José Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense, volveu máis unha vez mostrar a súa oposición a que o Hospital de Verín perda paridoiro e Pediatría e falou de “clamor unánime” o que hai en Ourense a prol de que se manteñan estes servizos.

Baltar pide que se “reverta” esa decisión da Xunta que atinxe a un “servizo tan importante”. Sobre o argumento de que faltan pediatras, dixo que iso debe de resolverse para evitar que este feche implique unha “suspensión definitiva”.

Iso si, o presidente da Deputación de Ourense deixou claro que os e as deputadas ourensás do PP non se van desmarcar da decisión do seu partido no debate no pleno no parlamento da Galiza: “Nós, como grupo político e democrático, asumimos a decisión da maioría”. E remarcou: “Non agarden ningún espectáculo”.

Comentarios