Baltar designará directamente aos membros dos tribunais de selección de persoal da Deputación de Ourense

A oposición di que supón "unha volta ao nomeamento a dedo", mentres que a coalición de PP e Democracia Ourensana argumenta que a vía do sorteo "non resultaba operativa nin áxil".
Xosé Manuel Baltar (Dep. Ourense)
photo_camera Xosé Manuel Baltar (Dep. Ourense)

O presidente da Deputación de Ourense, Xosé Manuel Baltar, volverá designar directamente aos membros dos tribunais de selección de persoal funcionario interino e laboral temporal ao servizo da institución.

A modificación da ordenanza foi aprobada esta sexta feira no pleno correspondente ao mes de maio, cos votos en contra dos grupos da oposición que auguraron "unha volta ao sistema de nomeamento a dedo" e criticaron con dureza "a falla de transparencia nas políticas de emprego do ente provincial".

Pola súa banda, o Executivo en coalición de Partido Popular e Democracia Ourensana argumentou que a vía do sorteo para nomear aos membros dos tribunais de selección "non resultaba operativa nin áxil" debido á "dificultade de atopar membros para a composición dos mesmos" e incidiron en que esta modificación da ordenanza "entra dentro do marco legal".

A oposición, en contra

Ante esta situación, a deputada provincial de Cs, Montserrat Lama, emprazou ao Goberno provincial a "buscar alternativas" e "cuestionarse por que rexeitan os empregados participar nestes procesos selectivos".

Ademais, o PSOE mostrou a súa sorpresa por que "non se admitise ningunha das propostas formuladas polas organizacións sindicais no proceso de negociación colectiva previa".

Na mesma liña foron as críticas do portavoz do BNG, Bernardo Varela, que lles lembrou que "os sindicatos se desmarcaron porque se fixo caso omiso á súa proposta na que se pedía que as listas se fixesen por acordo da parte sindical e patronal, e que puidesen acceder a elas persoal doutras Administracións públicas interesados en participar".

Comentarios