Balbina Gándara colócase á fronte das mocidades de CxG coa idea de "difundir o discurso da autodeterminación"

A vimiancesa foi escollida secretaria xeral da Mocidade nacionalista galega na I Asembleia nacional da organización xuvenil. O primeiro discurso xa no cargo centrouno en denunciar a falta de políticas de emprego que o PP ten para a mocidade do País

photo_camera Gándara e dous membros da Executiva [MNG]


"Definímonos como unha organización soberanista e dotarémonos das ferramentas necesarias para difundir o discurso da autodeterminación, formar conciencia nacional e que Galiza decida o que quere ser".

Con esta ansia encetou Balbina Gándara a súa etapa como nova secretaria xeral da Mocidade nacionalista galega (MNG), organización xuvenil de Compromiso por Galicia.

No acto de clausura da I Asemblea Nacional, realizada este sábado en Compostela baixo o lema Traballando pola mocidade. Co País por bandeira, (e que, por certo, rematou cun berro en prol da independencia da Galiza) Gándara arremeteu contra as medidas de emprego do Goberno galego, medidas que, ao seu xuízo, "son unha folla en branco".

En conversa con Sermos, a moza salientou que nos últimos meses "todos tivemos que despedir algún familiar ou algunha amizade que se viu abocada á emigración" e debullou as alternativas que MNG ten para paliar o desemprego xuvenil, as mesmas que CxG levaba no seu programa electoral e que pasan "por cousiñas tan básicas como redactar unha política de emprego real sostida con fondos públicos ou apostar polo I+D+i". 

Non son estes os únicos compromisos que asome a nova Executiva nacional da MNG. "Traballaremos por feminizar a organización e que non importe que quen estea á fronte sexa unha muller ou un home, senón a aposta pola igualdade real", destacou a vimiancesa recén escollida secretaria xeral. Gándara recalcou a súa teima en facer "que a participación das mulleres vaia máis aló dun cargo" e que a escolla dunha muller á fronte dunha organización política, como é o seu caso, "deixe de ser destacábel".

Balbina Gándara toma o relevo do que foi secretario xeral das mocidades de CxG durante seis anos, Paulo Carlos López, e faino "con moita ilusión, moitas ganas de traballo e rodeada dunha equipa extraordinaria". No albo, e fronte á "mocidade caladiña e resignada que pretende o PP", a MNG colocou un obxectivo: "tornármonos en ferramenta útil contra as políticas" da dereita.

Comentarios