Aznar rexeita participar na campaña do PP

A precampaña do PP ten como claro protagonista o desencontro entre Rajoy e Aznar que se salda, segundo  confirma o xornal El Mundo, coa negativa do ex-presidente a participar no programa de actos do partido de cara ás eleccións europeas. O expresidente, que non fora convidado polo PP até onte,  responde que a súa axenda está completa. 

José María Aznar

A precampaña do PP ás europeas ten un tema estrela que é a exclusión do ex-presidente José María Aznar dos actos programados para defender a candidatura ao Parlamento Europeo. Agora foi Aznar quen, segundo o xornal El Mundo, pon o ramo á liorta afirmando que “non hai nin un oco” na súa axenda. 

Desde a próxima segunda feira, Aznar estará fóra do territorio español, segundo dixo para confirmar que a súa axenda non resiste a tal altura modificación algunha que incorpore actos de campaña, até agora non previstos por Génova. Despois da polémica levantada pola ausencia do ex-presidente do Goberno e ex-presidente do PP, a chamada do director de campaña Carlos Floriano ao secretario xeral das FAES, fundación presidida por Aznar, de nada valeu para mudar a situación. Aznar rexeita o convite, fóra de hora, do seu partido e argumenta o seu rexeitamento a participar na campaña pola súa cumprida axenda internacional na que non se contempla a convocatoria dunhas eleccións europeas. 
 
O propio candidato do PP, Miguel Arias Cañete, sinalou a RNE que a chamada de onte non respondía a unha rectificación senón a unha confirmación de axenda, dando a entender que o PP está agora a pechar os principais actos dunha campaña que comeza en días. 

A tensión sube de ton entre a dirección do PP e o entorno das FAES e, mentres o grupo de Rajoy di lamentar a postura arrogante de Aznar, no ámbito do expresidente falan dunha clara exclusión con ton airado. Pola banda de Aznar, Esperanza Aguirre apurouse a defender a necesaria presenza dunha figura clave na historia do PP na campaña electoral mentres o presidente do Congreso, Jesús Posada admitiu que o partido tiña que ter contado con el “de maneira máis explícita” na programación da campaña. 

Comentarios