Aznar consuma o seu cisma con Rajoy ao renunciar á presidencia de honra do PP

Como presidente de honor relevou no seu momento o fundador Manuel Fraga. Agora abandona o cargo para evidenciar o abismo que o separa de Rajoy. Faise, aliás, a un lado e evita así ir ao congreso estatal do partido en febreiro.

19247138150_55717c2890_z
photo_camera Aznar, con Rajoy durante un acto da FAES

Unha relación glaciar, case inexistente, é a que mantiveron nos últimos tempos Aznar e Rajoy. Aquel, como gardián das esencias máis españolistas do partido, afeáballe en privado ao actual presidente do Goberno a súa falta de contundencia no manexo da cuestión nacional no Estado e determinados aspectos da súa política económica, que a ollos do integrante do inesquecíbel trío das Azores era pouco menos que socialdemócrata.

O divorcio viviuse por fases. A primeira, a decisión de separar formalmente a fundación FAES do partido. A segunda, a que comunicou por escrito esta mesma terza feira, a renuncia á presidencia de honor do PP. Un problema menos para Rajoy e os seus colaboradores, temerosos de que Aznar utilizase ese cargo para, desde a tribuna do congreso do próximo mes de febreiro, voltar a exteriorizar o seu bronco enfado coa actual dirección do partido.

Na carta, Aznar desliza que se manterá como afiliado dun partido en que, naquela altura sob a denominación de Alianza Popular, comezou a militar hai 38 anos, baixo a lideranza do fundador, Manuel Fraga.

Comentarios