NON VAN NEGOCIAR COS ESCINDIDOS

Aymerich: “Queremos que o BNG se constitúa como organización unitaria"

O secretario xeral de Abrente, Carlos Aymerich, ofreceu esta mañá unha conferencia de prensa no restaurante compostelán O Dezaseis, acompañado por membros da executiva, coma Camilo Nogueira, Santi Domínguez ou Ana Luísa Bouza, para presentar os obxectivos e o proxecto da nova corrente do BNG.

 

Abrente constitúese como colectivo dentro do BNG, cunha liña de esquerda e nacionalista, pola recuperación da unidade e acreditando na construción dunha casa común, cun obxectivo conciliador. Para a organización, recuperar e afortalar a unidade do nacionalismo é a clave, pero non vai entrar en negociacións con movementos que queren conformar unha alternativa.

 “O BNG que saíu de Amio foi un BNG diferente. Queremos que se constitúa como organización unitaria, pero non depende só de nós". Para Aymerich, esta posición que ten como obxectivo estratéxico unificar as diferentes opcións ideolóxicas está a dar resultados: “hai moita xente que emprendeu o camiño de volta".

O secretario xeral de Abrente afirmou que non van emprender negociacións nin contactos cos sectores escindidos do partido. Mantén que un dos obxectivos de Abrente é “demostrar que dentro do BNG hai alternativas, diversidade ideolóxica”, pero “non nos constituímos coa idea de volver a unha batalla ideolóxica”. 

Interrogado por se considera que Compromiso por Galicia (que integra Máis Galiza, Ecogaleguistas e Acción Galega e se presenta esta mesma tarde no Hotel Compostela) pode solapar o nacemento de Abrente, contestou que non fixo análises aínda. “Existe diversidade ideolóxica: hai opcións políticas moi respectables, pero que non son as nosas”. Para o secretario xeral de Abrente, hai posicións claves, como defender a “póliza de crédito” de Rajoy ou “entender que é un desastre social e nacional”, ou a perspectiva con respecto á reforma laboral. “Nós temos a nosa opción, e outros colleron outra, pero eu respéctoa”.

De cara ás eleccións

“O BNG ten que acertar nas propostas que presente. Todo o que sexa dividir é malo para nós e bo para o PP", afirmou Aymerich. Así e todo, fai contas electorais con certa esperanza. “A xente que votou polo PP no 2009 está farta de Feijóo e de Rajoy, e busca unha alternativa seria e política de goberno”. O BNG debe conseguir, ao seu ver, “que a xente perciba que hai unha alternativa real, e vote polo cambio”.

Comentarios