Aymerich formalizará un novo colectivo dentro do BNG nunha asemblea aberta

O próximo día 9 de xuño a xestora de militantes creada o pasado 14 de abril arredor do deputado Carlos Aymerich formalizarase como colectivo dentro do BNG. A asemblea será aberta ás persoas que forman parte da fronte nacionalista. Abrente ou Esquerda Democrática Galega son os nomes que se barallan para o novo colectivo.

O grupo de militantes que lidera Carlos Aymerich elixirá órganos de dirección e aprobará os documentos políticos que o rexerán nunha asemblea convocada en Compostela para o próximo día 9 de xuño. Entre os militantes nacionalistas que forman parte da xestora atópanse, para alén do propio Aymerich, a deputada Ana Luisa Bouza, o deputado provincial de Ourense Luis Seara e os rexedores de Tomiño e Bueu, Sandra González e Félix Juncal. Participan tamén do proxecto outros membros do Consello Nacional como Camilo Nogueira, María Alonso e Xesús Veiga ademais de Dominga Brión e Manuel Monge, ex-concelleiros de Ribeira e A Coruña.

Carlos Aymerich apunta ao respecto da próxima convocatoria que se trata de formalizar o que se anunciara na creación da xestora en abril. "Organizarnos para traballar dentro do BNG. Decidiremos o nome e aprobaremos os relatorios políticos e organizativos" afirma. En todo caso, anuncia tamén que ao respecto da liña política do colectivo, non diferirá da que defendeu na pasada Asemblea Nacional do BNG. "Traballar unitariamente no nacionalismo, como esquerda transformadora e democrática no ámbito político e económico"  fronte a que define como "as ditaduras dos mercados". 

Por medio dun comunicado, sinalan que a xuntanza constituínte estará aberta “a cantos militantes do BNG queiran compartir a idea dun nacionalismo de esquerda democrática e cunha clara vocación unitaria”. A xestora da que sairá o novo colectivo está composta por militantes do BNG que abandonaron Máis Galiza despois de que o pasado mes de marzo a formación decidira deixar de formar parte da fronte nacionalista.

Comentarios