Análise

Unha 'Axenda Territorial' galega?

O profesor de Xeografía e Ordenación do Territorio Valerià Paül Carril prosegue co ciclo de análises de Nós Diario.
Unha mostra da desfeita territorial na Mariña, con crecementos urbanísticos fóra de control e ladeiras a monte. (Foto: Miguel Pazos)
photo_camera Unha mostra da desfeita territorial na Mariña, con crecementos urbanísticos fóra de control e ladeiras a monte. (Foto: Miguel Pazos)

Desde os anos 2000, os ministros e ministras de Ordenación Territorial da UE deron en xerar as chamadas Axendas Territoriais. En 2020 apareceu a súa cuarta quenda. Trátase de textos panorámicos inzados de propósitos xenéricos. Constitúen unha mostra do que se coñece como planificación indicativa, isto é, a que non ten vontade de mudar a realidade física, senón estabelecer uns principios orientativos.

O pasado 26 de outubro presentouse en Compostela un proxecto destinado a deseñar unha Axenda Territorial galega. Visto o panorama europeo, non son bos agoiros. Aínda que sexa unha iniciativa por madurecer, teño a impresión de que estamos diante dunha nova queima de fogos de artificio; fálase un pouco de todo, de forma epidérmica, sen acabar de concretar o que se procura. Amais, resulta obrigado preguntármonos quen é que fala.

O que pasou coa paisaxe

O antecedente disto é o acontecido coa paisaxe na longa década de 2010. A formulación de políticas nesa materia acabou descansando nas chamadas Estratexias da Paisaxe, documentos etéreos non previstos lexislativamente nos que a Xunta expresaba con lasitude os seus innumerábeis bandazos: mapas publicados que acabaron sendo agochados, catálogos comarcais logo substituídos pola escala autonómica, etc.

En todo caso, non se chegou a propor nunca nada executivo. Por mencionar un exemplo relevante, seguimos sen contar con ningunha determinación real en relación coa expansión descontrolada dos eucaliptos.

A Ordenación Territorial

Agora pode producirse algo semellante baixo unha rúbrica diferente: os instrumentos vinculantes da Lei de Ordenación Territorial (versións de 1995 e 2021) disiparán nunha Axenda Territorial consistente en bonitas presentacións e discursos baleiros. De feito, desde 2011 existen unhas Directrices de Ordenación Territorial aprobadas, en teoría vinculantes, mais que na súa formulación adoeceron dunha calculada vaguidade. As Directrices non valeron, mais debemos crer que unha Axenda Territorial improvisada si valerá?

En Galiza a Ordenación Territorial é unha disciplina académica asentada que constitúe, sobre todo, a dimensión aplicada da Xeografía. A maior parte do noso esforzo investigador nas últimas décadas destinouse á xeración de coñecemento sobre os espazos urbanos do país, artellados polo eixo atlántico que, polo norte, chega a Ferrol e, polo sur, conflúe co corredor Lisboa-Porto. Esta franxa presenta unhas problemáticas específicas de crecementos dispersos, mobilidade e gobernanza que soubemos detectar ao mesmo tempo que formulamos modos de xestión posíbel. É mágoa que todo este capital sexa ignorado e partamos de lecturas ou ben superficiais, ou ben afastadas e, polo tanto, desenfocadas. Xa vimos na Cidade da Cultura que custos ten traer estrelas internacionais a idear illadamente o noso futuro.

Por outra banda, resulta cuestionábel que se poida abrir un novo proceso de planificación desde a torre de marfil. Alén dos espellismos participativos teledirixidos, o territorio é un asunto colectivo: unha cuestión de interese público. Os e as que nos dedicamos á planificación podemos ser mediadores ou facilitadores, mais o territorio pertence ás persoas e a outros vivintes non humanos. Nada funcionará se non se parte dun pacto real, dun acordo operativo en común.

Co pano de fondo da crise climática, é urxente debullarmos a Galiza pos-carbono

Cuestións territoriais relevantes

Co pano de fondo da crise climática, é urxente debullarmos a Galiza post-carbono. Como imos xestionar a imposibilidade de manter os desprazamentos masivos en vehículos? Por que só se inviste en asfalto e non en camiños de ferro? Canto tempo resistiremos sen tranvías, metros lixeiros ou trens metropolitanos? 

Como se pode soster un país policéntrico desartellado, coas distintas cidades actuando en solitario? A que custos estamos operando sen áreas metropolitanas constituídas de xeito efectivo? 

Seguiremos a mirar cara a outro lado coas cada vez máis frecuentes secas e vagas de calor? Non pasa ren se arde toda a Serra de Queixa ou medio Courel, como este verán? Aquí só «ordenan» as empresas eólicas, mineiras e de plantacións forestais?

Territorio, política e sociedade

Non podemos entreternos con Axendas Territoriais baleiras operando en solitario. Mesmo a UE fainas porque asume que logo os Estados-membro aprobarán cadanseus plans territoriais: a planificación indicativa só funciona se vai da man da vinculante. Por iso, a Ordenación Territorial é, amais dunha disciplina, unha competencia político-administrativa recoñecida. 

Para construírmos o territorio do futuro, precisamos unhas altas complicidades sociais. A Xunta, por suposto, debe liderar os procesos e deixar de apoiar iniciativas vacuas impulsadas por outras instancias ás que se aproxima coma se o conto non fose con ela.

Comentarios