Análise

A axenda política galega pasa por Catalunya

As forzas políticas galegas miran de reollo á campaña das eleccións catalás.
Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo, Ana Pontón e Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press)

As forzas políticas galegas teñen os seus ollos postos nas cuestións sanitarias, económicas e sociais da pandemia pero non deixan de mirar as eleccións catalás. As súas direccións teñen claro que un resultado que non pase por un Goberno das forzas nacionalistas implica o remate do ciclo político aberto na última década, que pon en cuestión o réxime político institucionalizado na Constitución de 1978 e subverte o modelo de organización territorial do Estado que os poderes económicos e políticos consideran inamovíbel. Ao tempo, populares, nacionalistas e socialistas fan outra lectura máis doméstica ligada ás súas posibilidades na dialéctica galega e nas chaves da súa reorganización para enfrontar os retos políticos inmediatos e, sobre todo, a medio prazo.

Alberto Núñez Feixoo ten decido non continuar á fronte do Partido Popular da Galiza, mais segue aspirando a liderar a organización no conxunto do Estado co obxectivo de conseguir a candidatura a presidencia do Executivo que non deu herdado de Raxoi. Un mal resultado dos populares nas eleccións catalás, mesmo ficando por diante de Vox, algo que non garanten as enquisas a esta altura, debilita a xefatura de Pablo Casado e favorece as posibilidades do presidente galego de saltar a Madrid.

Neste sentido, Feixoo move ficha cos dirixentes do PP con poder territorial, lanza mensaxes a través de xornalistas afíns que non dubidan en facer sangue con Casado, engraxa os cenáculos mediáticos da capital do Estado de diversa roupaxe ideolóxica e extrema conexións cos poderes económicos, desconformes coa oposición do PP no contexto do rescate europeo.

Yolanda Díaz candidata na Galiza?

Un bo resultado de Salvador Illa nos comicios catalás animaría os socialistas a reeditar esa operación noutros territorios do Estado. A este respecto, non é casual que un dos rumores que se repite con insistencia nas últimas semanas nos círculos políticos galegos e madrileños é que Pedro Sánchez aposta pola ministra de Traballo, Yolanda Díaz, para encabezar a candidatura dos socialistas nas vindeiras eleccións galegas.

Os dirixentes do PSdeG consultados por Nós Diario discrepan do alcance do murmurio, porén, maiormente, non dubidan que esa é a opción preferida do presidente do Goberno do Estado, a falla de coñecer a disposición de Yolanda Díaz, cada día máis separada de Pablo Iglesias e moi ben valorada nas filas socialistas e da dereita. Sexa como for, o rumor está xerando nerviosismo no círculo de confianza de Gonzalo Caballero.

Un Goberno non independentista en Catalunya significaría un contratempo para o nacionalismo no conxunto do Estado. Neste sentido, o BNG non quere ouvir falar dun escenario diferente ao dun Executivo de coalición entre ERC e Junts per Catalunya, convencido de que outra posibilidade lastra as súas potencialidades electorais e dificulta a súa percepción como forza útil ao perder referencias con quen homologarse.

Así as cousas, fontes da dirección nacionalista consultadas por Nós Diario dan por descontada a presenza de Ana Pontón e doutros cadros do BNG en actos de campaña das forzas independentistas en Catalunya e agardan que estas deixen de lado as diverxencias dos últimos tempos e sexan capaces de pórse de acordo para gobernar.

Comentarios