EN MAREA, SEN APOIOS PARA TER GRUPO PARLAMENTAR

Patxi López será presidente do Congreso nunha Mesa sen presenza do soberanismo

PP, PSOE e C's acadaron un acordo para se repartir a Mesa da Cámara baixa, mentres Podemos fica á marxe ao fixar como liña vermella para apoiar o candidato socialista á presidencia conformar 4 grupos parlamentares. Por vez primeira non haberá ningún representante nacionalista no órgao de goberno do Congreso.

PSOE, PP e Ciudadanos pactaron esta terza feira que o socialista Patxi López sexa o novo presidente do Congreso español. Os populares renuncian a presentar candidato. En virtude a este acordo, o PP terá tres postos na Mesa por 2 dos socialistas (1 deles, a presidencia), 2 de Cs e 2 de Podemos. Así pois, PP e Ciudadanos -isto é, a dereita- teñen maioría na nova mesa. Os socialistas tentaron que os populares cedesen 1 dos seus 3 postos ao PNV, mais sen éxito, polo cal por vez primeira non haberá representación nacionalista no órgao de goberno da cámara Podemos non acepta o acordo e insiste nos grupos parlamentares para En Marea, Compromís-Podem e En Comú Podem. Mais a constitución deses grupos semella máis afastada que nunca após este pacto. 

Alexandra Fernández: "Non contemplamos outro escenario que o da conformación dos catro grupos

Podemos afástase das conversas após situar como liña vermella para calquera apoio ao PSOE o feito de que @s parlamentares da súa formación poidan facer parte de 4 grupos distintos que se corresponderían, para alén do do propio Iglesias, co das coligazóns de Poremos na Galiza, Catalunya e o País Valenciá. 

En comparecencia de imprensa, xunto coas portavocías de En Marea, En Comú Podem e Compromís-Podem, Iglesias condicionou calquera apoio --e mesmo a continuidade das negociacións-- ao PSOE co feito de que sexan autorizada a constitución de 4 grupos parlamentares. A este respeito, o secretario xeral de Podemos amosou vontade de diálogo e mesmo a posibilidade de renunciar a tempos de intervención e diñeiro á fin de que se constitúan os grupos, prometidos en campaña electoral. 

Desde En Marea, Alexandra Fernández asegurou que "non contemplamos outro escenario que o da conformación dos catro grupos. É o responsable". A voceira parlamentar de En Marea defendeu que a candidatura é "máis que a suma de partes" e que non obter grupo propio "sería unha fraude democrática" para "o 25% dos galegos e galegas" que apoiaron a coligazón. 

Fe de grallas: Este artigo foi corrixido por volta das 16h. Por erro atribuírase o apelido González á deputada de Pontevedra. O correcto é Fernández.  

Nota: Esta noticia foi actualizada ás 23.54 horas.

Comentarios