Aval de Feijóo á conselleira de Sanidade polo caso de nepotismo do seu marido

O presidente da Xunta negouse no Parlamento a cesar a Rocío Mosquera, tal e como lle pedía a oposición tras a sentenza do TSXG. Feijóo ensarillou o debate con referencias a Andalucía, Pokémon, críticas ao bipartito e mesmo citacións de Resistencia Galega.

Alberto Núñez Feijóo
photo_camera Alberto Núñez Feijóo

A conselleira de Sanidade recibiu esta cuarta feira no Parlamento o aval público do presidente da Xunta. Rocío Mosquera está no cerne da sospeita tras a sentenza do TSXG que visaba nepotismo e desviación do poder no acceso do seu marido a postos de mando e responsabilidade nun Hospital cando ela era responsábel do Sergas. Núñez Feijóo apoiou publicamente a conselleira, descartando cesala, tal e como lle pedía a oposición. Negou que houbese nepotismo algún no ascenso do compañeiro da conselleira e atacou a oposición co argumento de que coas súas críticas estaban a poñer en cuestión a profesionalidade dos médicos que integraban o tribunal.

Feijóo: "“A sentenza non fala de responsabilidades de ningún membro do meu goberno”

“A sentenza non fala de responsabilidades de ningún membro do meu goberno”, afirmou en varias ocasións para se negar a cesar a conselleira. Utilizou a defensa de Mosquera para erguer un discurso laudatorio do sistema sanitario galego e criticar o doutros territorios (nomeadamente Andalucía).

Por hixiene democrática

O portavoz do BNG, Francisco Jorquera, lembrou a promesa pública feita por Feijóo cando accedeu á presidencia de combater a corrupción e o enchufismo e pediulle que aplicase esas palabras. “A setenza di que houbo abuso de poder cando Rocío Mosquera era directora do Sergas. É nepotismo, é a política de promocionar os seus”. Méndez Romeu, pola súa banda, pediulle ao presidente en representación do PSdeG que “faga caso aos profesionais e acepte a petición de demisión da conselleira”.

Jorquera: "“A sentenza di que houbo abuso de poder cando Rocío Mosquera era directora do Sergas"

Para Yolanda Díaz, de AGE, o esposo da conselleira accedeu a esa praza por ser parente de quen era e non por méritos propios. A viceportavoz de Alternativa acusou a Feijóo de querer facernos crer que a conselleira é como a infanta de Borbón, "que non sabía nada do que facía o seu marido”.

A mellor defensa, un ataque

O presidente da Xunta non se moveu un milímetro da súa estratexia de avalar a Mosquera e atacar a oposición con temas diferentes aos do debate, logrando irritar (tiveron apercebementos o socialista Losada e Juan Farardo de AGE) e despregar unha cortina de fume sobre a cuestión principal.

Méndez Romeu: "Faga caso dos profesionais, que saben disto, e cese a Mosquera"

Así, Feijóo respondeulle aos socialistas que non tiñan criterio propio e limitábanse a seguir “os partidos minoritarios” á vez que atacaba a sanidade andaluza (territorio gobernado polo PSOE). Tamén se referiu ao bipartito, recurso nada orixinal no PP, para dicir que agora a sanidade estaba “moito mellor” que daquela.

Para o BNG, Feijóo reservou insinuacións sobre trato preferente de co-gobernos nacionalistas para empresas implicadas na Pokémon, así como lamentacións pola desfeita que, ao seu xuízo, o BNG fixo nas consellerías nas que gobernou.

Díaz: "Quere facernos crer que a conselleira é como a infanta de Borbón, que non sabía nada do que facía o seu marido”

A Yolanda Díaz comezou agradecéndolle que IU condenase no Congreso español a Resistencia Galega e finalizou afeándolle que “insulte” os médicos.

Comentarios