venres 24/09/21

A ausencia do secretario xeral de Pesca obriga a aprazar no Parlamento dúas preguntas previstas sobre o cerco

As cuestións ían ser achegadas polos deputados Daniel Rodas (BNG) e José Manuel Balseiro (PP). O nacionalista cuestionou que sexa ''habitual'' que Juan Maneiro non compareza e reclamou que a consellaría envíe outra persoa á comisión de Pesca. O conservador non dixo ren.

danielrodas
© BNG

Que criterio defendeu o Goberno galego na negociación das principais especies estratéxicas peláxicas: rincha, xurelo, lirio? Vai permitir que sexa a Dirección Xeral do Mar a que impoña unilateralmente os criterios de reparto, cando na primeira negociación xa se impuxeron os criterios de capturas históricas que benefician claramente a aquelas frotas industrias que máis levan pescado e que máis se excederon nos topes? 

Que valoración realiza do feito de que se rebaixen as cotas na zona Ciem VIIIc para o xurelo nun 26% mentres se manteñen na zona Ciem VIIIb, favorecendo unha vez máis á frota vasca? De consolidarse este reparto, Galiza un ano máis queda sen posibilidades de pescar xarda, pero desta vez está renunciando as posibilidade de pescala no futuro?

Que valoración fai a Xunta de Galicia da repartición de cotas das principais especies peláxicas no caladoiro Cantábrico noroeste para o ano 2014? Cal vai a ser a incidencia na flota galega dos acordos acadados para cada modalidade e pesqueiría? Que xestións ten previsto desenvolver o Goberno galego en relación con este asunto? 

Son as preguntas orais sobre a repartición da cota do cerco que esta cuarta feria tería que contestar o secretario xeral de Pesca, Juan Maneiro, na comisión 8ª do Parlamento galego. As cinco primeiras ía formulalas o deputado Daniel Rodas (BNG) e as tres últimas o deputado José Manuel Balseiro. Porén, Maneiro non compareceu.

Segundo explicou a presidenta da comisión, Rosa Oubiña, Maneiro atópase nestes días en Avilés (Asturies), a seguir os labores de procura dos mariñeiros desaparecidos após o accidente laboral do barco 'Santa Ana'. Considerou que esta é unha razón "xustificada" para explicar a súa ausencia no Parlamento.

As non-comparecencias ''privan a Cámara de debater cuestións fundamentais''

Porén, o nacionalista Daniel Rodas puxo o acento en que non é a primeira vez que Juan Maneiro, malia estar chamado a comparecer, non comparece, situación que, segundo valorou, "priva a Cámara de debater cuestións fundamentais".

Por isto, demandou que naqueles casos en que a persoa que vai dar resposta a preguntas previstas non poida estar presente, a consellaría do Mar envíe outro cargo para non interromper o normal funcionamento deste órgano parlamentar.

Na mesma liña pronunciouse o deputado do PSdG-PSOE José Ramón Val, quen encetou a súa intervención reclamando que o departamento de Rosa Quintana substitúa as persoas chamadas a comparecer cando non o poidan facer.

comentarios