O fiasco do plano de vivendas sociais

Aumenta a presión sobre Ferreiro coa maioría do pleno do concello a lle pedir cesamentos

PP, PSdeG e BNG uníronse esta cuarta feira para demandar do alcalde da Coruña e líder da Marea Atlántica que depure responsabilidades políticas pola desfeita do plano de compra de vivendas. Ferreiro pediu publicamente perdón, mais se resiste a entregar aquilo que exixe agora formalmente a maioría da corporación: as cabezas dos concelleiros Xiao Varela e Alberto Lema.

Xiao Varela, concelleiro urbanismo da Coruña
photo_camera Xiao Varela, durante o pleno

O plano de vivendas sociais resultou nun fracaso de xestión absoluto e mesmo obrigou o consello consultivo a intervir, coa anulación da compra de dúas moradas. Este programa, en teoría unha das bandeiras da Marea Atlántica cando alcanzou o poder en María Pita, concluíu coa adquisión de apenas 6 vivendas, das cales só unha estaría fóra de toda sospeita de irregularidade.

Xiao Varela, responsábel de Urbanismo, deixou claro esta cuarta feira que só demitiría se llo fose pedir o alcalde, mais Xulio Ferreiro está a optar por unha certa estratexia numantina. En María Pita acreditan que a escasos 8 meses das eleccións de maio os cesamentos deixarían no ar unha certa sensación de debilidade e a asunción política do fracaso nunha área —a política de vivenda— especialmente sensíbel para as bases eleitorais da Marea Atlántica.

O que se prescribe a equipa de goberno a si propia neste duro trance é a admisión de erros, a petición de desculpas e a promesa de que non se volverá a repetir. Pecado de principiantes na xestión pública. Iso é o que viría recoñecer Xulio Ferreiro. Mais nen un átomo de falta de honestidade. O PP bateu xusto nese flanco, a pór o acento en que un dos beneficiarios do plano —vendeu ao concello dous dos seis pisos obxecto de adquisición— facía parte do núcleo fundacional, como asinante, de En Marea. Na súa intervención perante o pleno, Varela esforzouse por argumentar que en ningún momento houbo trato de favor.

Varela declarou literamente o seguinte: "se ben o procedemento –impulsado para ampliar o parque de vivenda pública municipal e destinar os pisos a aluguer social– non acadou o seu obxectivo, o que está claro é que nin na valoración das ofertas nin na proposta de adxudicación nin en ningunha outra fase se tomaron decisións para favorecer a ningunha persoa en concreto”.

Porén, o consello consultivo sinalou en concreto as dúas moradas pertencentes a un dos fundadores da Marea Atlántica, que percibiu polas vendas dos inmóbeis 145.865 euros. O órgao fiscalizador decretou a anulación das compras ao considerar que no momento en que se apresentaron ao concurso non cumprían os requisitos que se lles exixían ás candidatas.

En termos políticos, a situación é endiañada porque acentúa o isolamento da equipa de goberno, cos seus aliados potenciais da esquerda a se veren obrigados a votar no mesmo sentido que o PP. A petición de responsabilidades da maioría da Corporación —17 votos fronte 10— intensifica a presión sobre Ferreiro e coloca nunha situación moi delicada quer a Varela quer a Lema.

Comentarios