Aumenta a inestabilidade e a loita polo poder interno do PP con Feijóo nun perfil intermedio

A aparición de novos papeis de Bárcenas que apuntan directamente ao presidente do Goberno fai medrar as diferenzas na dereita española, con Esperanza Aguirre pedindo responsabilidades e o presidente da Xunta vixiando os acontecementos

Alberto Núñez Feijóo e Esperanza Aguirre [Imaxe: Xunta]
photo_camera Alberto Núñez Feijóo e Esperanza Aguirre [Imaxe: Xunta]

A espiral de escándalos que abalan o PP nos últimos tempos continúa a medrar baixo a sensación de que o máis grave mesmo está por coñecerse. O partido que máis poder acapara desde a reforma constitucional de 1978 é tamén o máis salpicado por casos de presunta corrupción, nunha situación só algo comparábel á que tivo lugar no PSOE no treito final do felipismo.

Mais ao contrario do ocorrido coa outra formación sistémica do bipartidismo estatal na primeira metade dos noventa, nesta ocasión o PP non conta cun líder forte e respectado de forma unánime dentro das súas propias ringleiras, polo que as tensións internas non deixan de aumentar e suxiren a posibilidade dun auténtico estoupido no Goberno se, como parece, o ex tesoureiro Luis Bárcenas continúa a desvelar novas ilegalidades cometidas polo partido nas últimas dúas décadas, durante as cales Mariano Rajoy case sempre ocupou altos postos orgánicos e no Executivo. 

As tensións internas non deixan de aumentar e suxiren a posibilidade dun auténtico estoupido no Goberno se, como parece, o ex tesoureiro Luis Bárcenas continúa a desvelar novas ilegalidades cometidas polo partido nas últimas dúas décadas

Semella que desde dentro do PP tamén hai sectores que pretenden a caída do seu líder. A nunca totalmente pechada cuestión sucesoria ábrese máis que nunca ante un horizonte de enorme inestabilidade interna. Volven aparecer quinielas e escenificarse actitudes. Os ollares diríxense dirixen cara varios cadros altos, como a vicepresidenta Soraya Sáenz, o ministro Ruíz Gallardón, a cabeza da formación en Madrid, Esperanza Aguirre e tamén cara ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre outros. 

Aguirre foi a máis dura nas súas declaracións mentres a versión oficial de Rajoy continúa a ser unha mestura de negación -o xa vello “todo é mentira, agás algunha cousa”- e silencio. “España necesita que o noso partido estea limpo, que o diga e que o demostre. E se houbo corruptos, temos que descubrilos e denuncialos con máis forza da que poida empregar a Xustiza. Se houbo irregularidades no financiamento hai que recoñecelas, explicalas e presentarse ante os cidadáns con toda a sinceridade e con toda a limpeza”, afirmou a ex-presidenta da Comunidade de Madrid, coa mira claramente posta en Rajoy, acusado agora con papeis de cobrar miles de euros ilegais cando era ministro de Aznar. 

E Feijóo? Quere manterse visíbel como posíbel substituto de Rajoy se chega a crise total. Con esa intención, mantén un perfil intermedio que o poida situar como solución admisíbel por todos os sectores do PP, para o cal tamén precisa que se esqueza xa o Caso Dorado. “Hai enormes contradicións neste asunto, que leva xa cinco anos e vai sendo hora de que se coñeza o veredicto da Xustiza”, dixo o líder do PP galego, que tamén se sumou sen entusiasmo á versión oficial pero  deixando portas abertas ante a posibilidade de que esas “contradicións” logo poidan rematar nos tribunais noutra cousa moi distinta á que defende agora un acurralado Rajoy. 

Comentarios