Audiencia Nacional impide a un preso independentista asistir ao funeral do seu pai

Roberto Rodriguez Fialhega, Teto, encarcerado na prisión de Estremera (Madrid), non puido estar presente no enterro do seu pai na localidade de Sober.

A Audiencia Nacional impediu ao preso independentista galego Roberto Rodriguez Fialhega Teto asistir ao enterro de seu pai, o domingo 19 de agosto, na localidade de Sober, segundo informa o portal do colectivo anti-represivo Ceivar.

Teto, que solicitou o permiso extraordinario por razóns humanitarias tan pronto lle notificaron a morte do seu pai, "nom puido ver realizado o seu desejo ao nom ter resposta, nem afirmativa nem negativa, da Audiéncia Nacional", informa Ceivar.

Desde decembro de 2011 Teto cumpre prisión preventiva a 684 quilómetros da súa casa, na cadea de Estremera (Madrid).

Non é a primeira vez que as institucións penitenciarias ou ben os organismos xudiciais españois denegan a pres@s independentistas permisos para asistiren a funerais de familiares.


Comentarios