A Audiencia Nacional destroza a estratexia de Rajoy e obrígao a declarar presencialmente na Gürtel

Por vez primeira na historia do actual réxime político español un presidente do goberno en exercicio terá de declarar presencialmente nun xuízo por corrupción do seu partido. O dubidoso honor cábelle a Mariano Rajoy. El quería declarar vía videoconferencia. A Audiencia Nacional denega a súa petición: o testemuño terao que prestar na sede do tribunal.

Mariano Rajoy_PP

Duro varapau político para Mariano Rajoy que chega, alén do máis, no pior momento para el, nas vésperas da moción de censura de Podemos. A Audiencia Nacional -por dous votos a un- acaba de determinar que a súa comparecencia sexa presencial e non através dunha pantalla de plasma. Os maxistrados entenden que os motivos alegados pola Moncloa para afastar Rajoy do trance de ir fisicamente ao tribunal non son "consistentes".

Rajoy terá de estar fisicamente no tribunal para declarar. De o facer através de vídeoconferencia podería conculcar, entende a AN, os principios de contradicción e inmediación que deben caracterizar o xuízo. A única concesión á Moncloa é que a declaración poderá ser desde "os estrados" laterais e non desde o banco dos reos. Nada poderá evitar, porén, a foto, sen precedentes, da chegada de Rajoy ao tribunal.

No auto a meio do cal se sustancia esta decisión, os maxistrados recalcan que "a comparecencia das testemuñas perante o Tribunal sempre foi e é unha comparecencia física".

Nega tamén o tribunal un dos argumentos esgrimidos pola Moncloa -o da comparencia física supor un despregamento importante de recursos - e, destarte, e con certa ironía, a Audiencia Nacional remarca que a súa sede se acha a apenas 18 quilómetros do palacio presidencial.

Comentarios