Ataque de violencia machista verbal á candidata do BNG de Ourense

O líder de Democracia Ourensana a Susana García: "Esta persoa traballou nunha barra americana 5 anos". VÍDEO NO INTERIOR. 

O líder e candidato á alcaldía de Ourense por Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome agrediu verbalmente a alcaldable do BNG, Susana García no decorrer do debate organizado polo xornal La Región. 

Na súa intervención asegura que, reproducimos textualmente, "Esta señora que está aquí, que va de mosquita muerta y de mosquita muerta no tiene nada porque realmente es mala persona. Imagínense que yo digo ahora que esta persona que está aquí riéndose es una persona que trabajó 5 años en una barra americana como prostituta". 

As declaracións dirixiunas contra García após afirmar que "no tenía pensado" dicir nada a respeito da candidatura do BNG porque, sinalou, "va a la desaparición". Porén, optou por insultar a candidata nacionalista quen comentou ao moderador do debate que coidaba importante que este intervise após as afirmacións do líder de Democracia Ourensana. 

Así as cousas, o moderador non interrompeu a Pérez Jácome nen lle pediu que se desculpase

La Región, organizadora do debate, recolle o acontecido sinalando só entre o texto, que Jácome 'esvarou' na súa intervención

Entre o público puidéronse escoitar risas mais tamén increpacións ao político polas súas aseveracións, que foron interrompidas. 

Através da súa conta de Facebook, Susana García asegurou sentirse "moi mal" e "vítima da violencia machista". García sinala que non sabe como definir o acontecido "violencia machista na política, terrorismo verbal contra as mulleres, acoso e derribo á candidata polo simple feito de ser muller...". 

"Logo preguntaremonos por que non hai máis mulleres en política", dixo Susana García, "para que nos violenten así?". 

O Bloque pon en valor a súa "aposta firme" nas mulleres en política fronte "agresións machistas"

Representantes da organización frontista defenderon o papel das mulleres na actividade política "por méritos propios, con voz propia porque somos capaces de transformar a política", sinalou a deputada no Pazo do Hórreo, Carme Adán. 

"Entre todas temos que impedir que un misóxino teña representación no concello"

Neste senso, fronte á "agresión machista" do líder de Democracia Ourensana, Gonzálo Jácome a candidata, Susana García, chamou a "impedir que un misóxino teña representación no Concello de Ourense" pois, sinalan desde o Bloque, "os insultos proferidos" constitúe unha agresión "contra todas as mulleres", tamén dirixido contra "as que exercen a prostitución". 

Comentarios