Asturias rexeita por “cuestións de saúde pública” a libre mobilidade con Galiza

O Goberno astur aposta en manter o estado de alarma até o final fronte a Xunta, que pide que se levante o día 15.

Ribadeo foto de Turismo.gal
photo_camera Ría de Ribadeo

O goberno asturiano decidiu esta quinta feira non solicitar ao Executivo estatal autorización para permitir a libre mobilidade con Galiza e Cantabria a partir do 15 de xuño, segunda feira.

Segundo afirmou a portavoz do Goberno de Asturies e conselleira de Benestar e Dereitos Sociais, Melania Álvarez, esta decisión responde a "cuestións de saúde pública".

Neste sentido, tras a rolda de prensa posterior ao Consello de Goberno, Álvarez indicou que os últimos brotes de COVID-19 en Euskadi modificaron a previsión inicial de Asturias para solicitar esta mobilidade coas autonomías veciñas, o que permitiría a establecemento dun "corredor norte" entre os territorios da costa cantábrica, que están todas na Fase 3.

Pola súa banda, a portavoz do goberno asturiano lembrou que con Galiza "hai outro problema" xa que o presidente da Xunta, Núñez Feiixoo, é partidario de levantar o estado de alarma a partir da vindeira segunda feira, día 15,"mentres que o Principado defendemos que se manteña ata o final", sentenciou.

O presidente da Xunta propoñerá, na reunión do Consello de Goberno desta sexta feira, deixar sen efecto o estado de alarma a partir da vindeira segunda feira, día 15, a condición de que se manteña a actual situación de "control" da pandemia e a baixa taxa de contaxio.

Feixoo asegurou que partilla e comprende a decisión do presidente da Asturias, Adrián Barbón, de non abrir a mobilidade con Galiza, e avisou do risco de que a partir do día 21 de xuño se poida circular entre comunidades autónomas que están en distintas fases da desescalada.

Comentarios