Asistencia sanitaria para inmigrantes empadroad@s

Feijóo di que manterá a asistencia sanitaria ás persoas inmigrantes irregulares malia ter aprobado na súa lexislatura un outro decreto polo que a restrinxía.
Imaxe do Consello da Xunta do PP
photo_camera Imaxe do Consello da Xunta de Galiza

Aínda que en setembro de 2011 Feijóo aprobaba un decreto polo que restrinxía o acceso á asistencia sanitaria para inmigrantes en situación irregular, esta terza após convocárense as eleccións, o Consello da Xunta aproba un outro decreto polo que din "manterán a asistencia tanto en urxencias como en centros de saúde".

Alberto Núñez Feijóo semella rebelarse coa aprobación desta norma contra o seu partido en Madrid e anuncia que o SERGAS continuará prestando asistencia sanitaria a aquelas persoas inmigrantes en situación irregular que acrediten uns ingresos inferiores ao Indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) e que estean empadroadas na Galiza antes do 1 de setembro.

Segundo o aínda presidente da Xunta de Galiza, a quen o ar electoral fai mudar a opinión con bastante facilidade, as persoas que se atopen na devandita situación --de acordo cos requirimentos exixidos-- obterán un documento expedido polo Servizo galego de saúde para seren atendidas tanto en urxencias como nos centros de saúde ordinarios. Malia todo, Núñez Feijóo non explicou se terán que pagar ou non por recibiren asistencia sanitaria --como prevé o goberno central--.

A nova norma será publicada no Diario oficial de Galiza (DOG) esta sexta.

Comentarios