Así preparan os partidos o único debate con Feijóo

Falamos cos equipos dos cinco candidatos que participan esta segunda feira no debate electoral retransmitido pola CRTVG, a partir das 21.30 horas.

Os moderadores do debate, Kiko Novoa e Marta Darriba (Foto: TVG)
photo_camera Os moderadores do debate, Kiko Novoa e Marta Darriba (Foto: TVG)

A campaña das eleccións galegas afronta esta segunda feira un dos momentos chave en todos os comicios. A poucas horas de encetar o único debate entre os cinco candidatos e candidatas das principais forzas políticas –Alberto Núñez Feijóo PP, Xaquín Fernández Leiceaga PsdeG, Ana Pontón BNG, Luís Villares En Marea e Cristina Losada Ciudadanos– falamos cos seus equipos de campaña para coñecer como preparan este encontro. 

O debate será retransmitido en directo e de forma simultánea pola televisión e a radio públicas galegas, a partir das 21.30 horas, e estará moderado por Marta Darriba e Kiko Novoa. Todos os candidatos e candidatas contarán co mesmo tempo de intervención. O debate estruturarase en bloques temáticos de 20 minutos cada un: economía e emprego, sectores produtivos, políticas de benestar, rexeneración democrática e modelo institucional.

PPdeG

O candidato á reelección, Alberto Núñez Feijóo, estivo o domingo pola tarde “analizando datos e estudando cifras” e adicará as horas previas a “orientar as súas intervencións”. Estas son algunhas das chaves apuntadas polo seu equipo;.

Debates necesarios: “Os debates máis que negativos ou positivos son necesarios. Non deberíamos delegar o intercambio de información só a titulares de prensa”.

Todos contra Feijóo: “Non hai unha lectura electoralista. Ofreceuse este debate e el dixo que si no momento. Iremos malia saber que será un debate de todos contra o presidente”.

Dous bloques: “Mañá se visualizara o que vai ser esta campaña. Por un lado, o bloque do PP e, por outro, forzas de diferente índole, con difícil encaixe, e que podería ser un preludio do que sería un goberno alternativo a Feijóo”.

BNG

A candidata do BNG á Xunta, Ana Pontón, foi a que máis tempo adicou a preparar o debate. Estivo traballando xunto co seu equipo de campaña o domingo e continuará durante esta segunda feira. 

Oportunidade: “É unha oportunidade para que miles de galegos e galegas, nun horario de máxima audiencia, poidan coñecer da man da candidata as propostas e o proxecto político do BNG. Ana Pontón é unha muller nova, pero solvente e con empatía, cun coñecemento moi exhaustivo do país e dos seus problemas”.

Reforzar e sumar: “Encaramos o debate cun obxectivo evidente de reforzar o voto propio, pero tamén co obxectivo de dirixirnos a esa xente que aínda non decidiu o voto. Queremos transmitirlles que somos a garantía dun cambio real para construír unha Galiza con emprego e benestar social”.

Confrontar proxectos: “Contar cales son as propostas, cales son as medidas que ten o BNG para solucionar o desemprego, a emigración, os salarios que non permiten chegar a fin de mes, as listas de espera na sanidade, os sectores produtivos que están ao pairo... O debate é importante porque vai permitir confrontar proxectos e alternativas”.

PSdeG 

O cabeza de lista dos socialistas, Xaquín Leiceaga, tamén optou por alixeirar a axenda. O domingo á tarde estivo reunido con vistas o debate e hoxe volverá a facelo despois dun acto en Ames. 

Liderar a alternativa: “Queremos trasladar que o PSdeG é o partido que debe liderar a alternativa ao PP. Centrarémonos en desmontar a acción dos últimos oito anos e por outro trasladar propostas serias, cuantificadas e un proxecto de país moi estudado, co candidato mellor formado de todos”.

Formato limitado: “O debate ten un formato encorsetado, con limitacións, que non dará tanto xogo como quereríamos. Feijóo rexeitou participar en ningún debate máis; en contra do que di que os debates son un dereito, só quixo un coas súas normas”

Cara a cara: “Feijóo rexeitou enfrontarse a Leiceaga nun cara a cara como solicitamos. Cremos que era un formato esencial para contrastar as dúas únicas vías alternativas para os galegos: continuar coas políticas do PP e a resignación ou apostar por un cambio liderado polo PSdeG, que é o único cambio solvente e con garantía de goberno”.

EN MAREA

O aspirante á presidencia da Xunta de En Marea, Luís Villares, foi o único candidato que mantivo a súa axenda electoral, con dous mitins o domingo.

Preparativos: “Estamos preparando os diferentes bloques cos coordinadores de cada área”.

Chegar a máis votantes: “O debate será fundamental para dar a coñecer o candidato e chegar a aqueles sectores de poboación que non adoitan acudir a mitins e aos que é máis difícil chegar a través das redes sociais”.

Ilusionar e activar: “Agardamos que lle dea un impulso á campaña re-ilusionando á xente e activando a moitos indecisos”.

CIUDADANOS 

A número un de Ciudadanos pola Coruña, Cristina Losada, comezou a preparar o debate electoral despois dun mitin este domingo en Vigo, segundo recolle Europa Press. O equipo de campaña de C's declinou responder finalmente as preguntas de Sermos Galiza. 

Comentarios