venres 23/07/21

Así contestaron as candidatas ás preguntas das redes sociais no #SermosDebate 

As redes sociais participaron do #SermosDebate achegando as súas cuestións para Carme Adán (Nós Candidatura Galega), Yolanda Díaz (En Marea) e Pilar Cancela (PSdeG).


Juan M.R. preguntou a Yolanda Díaz: Logo de vendernos o compromiso cas bases. Como podemos crer as suas promesas, se non chegaron a preguntarnos en ningún momento quen ian ser os candidatos?

Yolanda Díaz: “As bases votaron en dúas ocasións e gañamos co mesmo resultado. Un 80 contra 20. Houbo consultas ás bases e estas elixiron democraticamente”.

Carlos Romero pregúntalle a Carme Adán. Por que para Nós non é suficiente unha reforma da Constitución?

Carme Adán: “É un texto que non é válido para nós, que excluíu as necesidades de Galiza. Nós queremos estar presentes nos debates constituíntes, representando os intereses galegos, sen ataduras a outras forzas estatais”.

María Ferreiro preguntou a Pilar Cancela se a reforma constitucional do PSOE é para ir a un federalismo simétrico ou asimétrico no que existan diferenzas competenciais entre autonomías.

Pilar Cancela: “Igualdade de dereitos en todo o territorio. Apostamos por mellorar o reparto competencial. Creo que no caso de Galiza hai competencias que debería ter asumido, como a inspección de traballo. Competencias compartidas afondando nun modelo federalista máis amplo.

Luís Sánchez preguntou a Yolanda Díaz: OTAN si ou non? Tedes un candidato militar favorable.

Yolanda Díaz: “OTAN non”.

Variante Non preguntou a todas: Cal é a vosa postura acerca da construción da variante á N-550 ao seu paso polos concellos de Valga e Pontecesures, así como a futura construción dunha estrada paralela á AP-9 libre de peaxe?

Carme Adán: “Nós apostamos por liberar totalmente a peaxe da AP-9, que é posible, e así evitar xerar novos gastos coa construción de outra alternativa”.

Yolanda Díaz: “Hai que cohesionar este país co ferrocarril, con trens de cercanías, ademais dun proceso de racionalización”.

Pilar Cancela: “Coincido con Yolanda, a través das vías férreas podemos mellorar as comunicacións, que son fundamentais. Non podemos esquecer as obras comprometidas para o AVE en Galiza. O PP insistía nos prazos, e agora Pastor [en referencia á ministra de Fomento] cando vén ao país promete novos tramos. Basta de prazos e toca inauguralas liñas”.

Moisés Rivadulla preguntou a Yolanda Díaz. No caso de saír elixida integrarase no grupo parlamentar de Podemos ou no de Izquierda Unida?

Yolanda Díaz: “No galego. Nin nun nin noutro, nun grupo parlamentar que represente Galiza”.

Ricardo López Costa preguntou a todas: Nos paises veciños como Portugal, Francia, Alemania ou Italia, os Autónomos non pagan cuota a SS. E a contribucion de impostos vai en funcion dos rendementos economicos, ¿por que ningunha delas teñen nos seus programas algo similar pra rendibilizar e potenciar a economia dos Autonomos?

[As tres candidatas remitiron ao debate, durante o que fixeron propostas para os autónomos. Pódese consultar nesta ligazón]

comentarios