O resultado das primarias de Ourense en Común deberá ser ratificado pola asemblea

O comité electoral tomou esta decisión após a ‘treboada’ desatada en certos sectores da plataforma pola elección de Xosé Mosquera, de Compromiso por Galicia, como candidato.

Mosquera
photo_camera Xosé Mosquera

O comité electoral de Ourense en Común decidiu que os resultados das primarias realizadas pola formación para elixir candidato a alcalde teñen que ser validados pola asemblea xeral. Este organismo elaborou un informe sobre o proceso que terá que ser votado nesa asemblea. Daquelas primarias -no que tomaran parte 1.500 persoas- saíu eleito Xosé Mosquera -de Compromiso por Galicia- como alcaldábel, por unha marxe duns 20 votos sobre Miguel Doval, membro do movemento veciñal. A segunda máis votada fora Ana Bande, tamén de Compromiso por Galicia.

Mais os resultados non gostaron en certos sectores de Ourense en Común, algo que transcendeu xa desde un principio e que se plasmou en asembleas e fóra delas. Unha plataforma que se enmarca na denominada ‘nova política’ levando como candidato a unha persoa con décadas na política, pasando por formacións como Coalición Galega, PNG-PG ou BNG, non é acaido, sostiñan os críticos. Foi o máis votado nas primarias, nun proceso totalmente democrático, alegan os partidarios.

O comité electoral de Ourense en Común reuniuse esta fin de semana e optou por se lavar as mans, acordando que sexa a asemblea xeral quen decida sobre se valida ou non o resultado das primarias. Alegan que no proceso houbo ‘campañas paralelas’.

Comentarios