O BNG baralla a fin de semana do 16 de Marzo para a celebración da súa Asemblea Nacional

Segundo puido saber Sermos Galiza, o BNG baralla a fin de semana do 16 de Marzo como datas para a celebración da Asemblea Nacional da formación frentista. Será o Consello Nacional deste sábado quen realice a convocatoria.

Segundo puido saber este medio, a Executiva nacional do BNG vén de valorar como posíbel data para a convocatoria da Asemblea Nacional a fin de semana do 16 de Marzo. Após os malos resultados electorais recollidos o pasado 21 de outubro, a organización frontista áchase en pleno proceso de debate interno visando a introdución das mudanzas necesarias para recuperar os seus apoios e encarar esta nova etapa. 

Amais dos debates comarcais, @s nacionalistas iniciaron asembleas abertas en que simpatizantes da organización achegaron as súas propostas a respecto dos cambios precisos en termos organizativos, mais tamén políticos ou comunicativos. Neste senso, o BNG procurou recoller o maior número de opinións que pasarán a tomar parte do documento a debate na Asemblea nacional. 

Entre as incógnitas que marcarán a xuntanza, que será de participación aberta a toda a militancia, atópase o nome da persoa que ocupará a portavocía nacional da organización frontista logo de anunciar Guillerme Vázquez a súa vontade de non concorrer á reelección do cargo que ocupa desde Maio de 2009. 

Comentarios