PARTICIPAN MáIS DE MIL PERSOAS

A asemblea de Iniciativa pola Unión comeza con chamadas á unidade

O acto de Iniciativa pola Unión, que congrega máis de mil persoas, deu comezo con proclamas en defensa da unidade en aras de conseguir unha candidatura unitaria galega coa que poder crear un grupo parlamentar propio no Congreso.

Asemblea de Iniciativa pola Unión
photo_camera iniciativa pola union

Pasados uns minutos das 11h comezaba no Auditorio de Galiza (Compostela) o acto de Iniciativa pola Unión, no que participan arestora máis de mil persoas. Precisamente, a grande afluencia de xente provocou que o inicio da asemblea se atrasara practicamente unha hora dadas as colas que se produciron para a inscrición nas diferentes mesas de traballo.

O plenario deu comezo coa presentación de Olalla Rodil, membro da Coordinadora, que lle deu paso a Xosé Luís Rivas “Mini”, alcalde de Boimorto até a presentación da moción de censura por parte do PP no mes de agosto. “Mini” provocou a maior ovación da mañá cun discurso vibrante en defensa da unidade.

Por parte da Coordinadora tomou a palabra Xosé Manuel Pereiro, quen leu o informe de xestión que dá conta do traballo que leva acometendo a organización. “Nós seguiremos traballando para esta tan necesaria confluencia, non por teima, senón porque é un clamor”, salientou. Tamén expuxo os contactos que mantivo Iniciativa pola Unión co Encontro por unha Marea Galega co fin de chegar a un acordo para unha candidatura unitaria galega. Pereiro foi crítico co preacordo ao que chegaron Anova, Esquerda Unidade e Podemos, ao que cualificou como "acordo de cúpulas".

A continuación, tomou a palabra Ana Luísa Bouza, membro da Coordinadora, para explicar a organización do acto. Ao concluír, formáronse os grupos de traballo e comezaron as intervencións no plenario dos distintos representantes das loitas sociais. Entre outras temáticas, falouse do deterioro que sofre a sanidade, da crise do leite, das cotas pesqueiras, da lingua, da cultura, do medio ambiente ou da igualdade.

Entre as persoas participantes atópanse representantes do panorama político, como o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e o portavoz parlamentar do BNG, Francisco Jorquera, o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña (Compromiso por Galicia); do sindical, como secretario xeral da CIG, Suso Seixo ou do ámbito cultural, como Suso de Toro, Margarida Ledo, Manuel Bragado, Quico Cadaval ou Cesáreo Sánchez.

 secretario xeral da CIG, Suso Seixo, o alcalde de Lalín e representante de Compromiso por Galicia, Rafa Cuíña, 

 Prevese que a lectura das conclusións sexa ao redor das 14h. Durante a tarde, Sermos Galiza publicará unha ampla información sobre a asemblea.

Comentarios