A asemblea de Ferrol en Común aproba o programa e reparto áreas de goberno acordadas co PSOE

FeC terá, ademais da Alcaldía, departamentos como Facenda e Participación Cidadá, entre outros. A socialista Beatriz Sestayo será tenente-alcaldesa.

Ferrol en común
photo_camera Foto: @rociopita

A militancia de Ferrol en Común aprobou na noite desta quinta feira en asemblea por ampla maioría o programa “de mínimos” e o reparto de áreas de goberno acordadas co PSOE no marco das negociacións para artellar unha coligazón de goberno para a cidade departamental. Nas eleccións de maio o PP tivo 11 concelleir@s, FeC entrou na Corporación con 6, o PSOE logrou 5, 2 foron os edís acadados polo BNG e C’s tivo 1.

Segundo informa EP, na asemblea deuse lectura ao documento negociado, que consta de máis de 70 puntos, abrindo unha quenda de preguntas e debate entre as persoas asistentes á xuntanza. O reparto das áreas de goberno serían, segundo axencias, onde máis voces críticas se escoitaron, principalmente no que atinxe ao ‘proceder’ de Beatriz Sestayo, líder do PSOE ferrolán e que será nomeada primeira tenente-alcalde.

Se ben na asemblea non se falou de quen ocupará cada área de goberno no novo executivo local, si que se informou de que FeC asumirá departamentos como Facenda ou Participación Cidadá. Ademais da Alcaldía, que ostenta Jorge Suárez.

BNG, na oposición

O BNG optou por non se sumar ao goberno de Ferrol por mor de "discrepancias programáticas" e "indeterminacións en cuestións importantes" que @s nacionalistas ven no acordo programático. Saneamento, convenio con Defensa e o naval, son algunhas das cuestións que afastan ao BNG de FeC e PSOE. "O acordo non é suficientemente concreto e entra en contradicción con moitos dos nosos posicionamentos políticos", afirma Iván Rivas, portavoz do Bloque, que engade que "o noso traballo se vai desenvolver de xeito máis efectivo de forma independente".

Comentarios