A asemblea local do BNG en Lugo aprobou por unanimidade autorizar o inicio de negociacións co PSOE para explorar a posibilidade dun acordo de goberno de ambas as dúas forzas no Concello. De atinxirse un acordo, este deberá ser levado á asemblea, onde a militancia nacionalista decidirá sobre o mesmo, así como sobre unha entrada ou non do Bloque no executivo local.
O candidato nacionalista na cidade, Rubén Arroxo, manifestou que “os resultados destas eleccións municipais deixaron claro que a veciñanza de Lugo apostou en que o BNG estivese presente no goberno para decidir o futuro desta cidade". Arroxo considera que o apoio electoral ao nacionalismo é para “que se poida facer o cambio que tanto quere a xente desta cidade”.