A Rede condiciona o acordo a que o PSdeG pida desculpas

A asemblea da Marea Atlántica aceita que Mar Barcón desenvolva un dos proxectos do goberno local

Finalmente A Rede -a asemblea local da Marea Atlántica- levanta o veto a Mar Barcón, o referente do vazquismo no grupo municipal socialista. Por volta de 100 militantes decidiron esta terza feira dar luz verde a Ferreiro para que negocie co PSdeG e evite ir a unha cuestión de confianza.

mareatlantica
photo_camera Un momento da reunión

As bases da Marea Atlántica, reunidas esta terza feira, facilitaron enormemente o cenario de acordo entre a equipa de goberno de Xulio Ferreiro e o PSdeG, preciso para evitar que este sábado o alcalde se submeta a unha cuestión de confianza de incerto desenlace en primeira instancia (a confluencia só ten 10 dos 27 escanos do pleno).

A asemblea da Rede, cunha participación na contorna das 100 persoas, deu luz verde a Ferreiro para que negocie un acordo antes do próximo sábado sen interpor veto a nengunha persoa. Dito doutro xeito, as bases da Marea Atlántica aceitarían que unha das concelleiras do PSdeG eleitas para desenvolver proxectos do goberno local fose Mar Barcón, referente do vazquismo no grupo socialista e membro do consello de administración de NovaCaixaGalicia que aprobou as indemnizacións multimillonarias dos seus directivos.

Non é un cheque en branco para Ferreiro. A asemblea condiciona o acordo a que o PSdeG apresente unha desculpa por ter trasladado equivocamente, sempre segundo a versión da Marea, os termos do preacordo sobre os orzamentos alcanzado no seu día coa equipa de Ferreiro. Alén desta petición de perdón, A Rede liga a entente co PSdeG a que este partido se comprometa co executivo local en cuestións centrais como o proxecto da área metropolitana, as políticas de mobilidade e o futuro da fachada marítima da cidade, ameazada polos planos privatizadores da Autoridade Portuaria.

Hai máis: A Rede só aceitaría un acordo que contemplase a incorporación de tres concelleiros do PSdeG -e non 4, como trasladara o grupo socialista á imprensa- aos labores executivos.

En calquera caso, nesa tripleta do PSdeG estaría con toda seguranza Mar Barcón, cuxa presenza foi considerada "innegociábel" esta terza feira por Florencio Cardador, presidente da xestora do PSdeG, en declaracións á Radio Galega.

O apoio das bases da Marea Atlántica alimenta a hipótese dun acordo nas próximas horas entre a equipa de Ferreiro e o PSdeG. A principal dificuldade para o grupo socialista é ter que asumir a petición de desculpas. Portavoces do PSdeG afirmaron con reiteración estes días que en ningún momento faltaron á verdade cando comunicaron á imprensa o contido do pacto coa Marea.

Estaríamos, pois, perante unha solución híbrida, que colocaría o PSdeG a meio camiño entre a oposición e o goberno

O miolo do acordo consistiría en que concelleiras e concelleiros do PSdeG -tres, segundo a condición posta por A Rede- pasarían a pilotar proxectos do goberno local sen que isto levase aparellada formalmente a entrada das e dos socialistas no executivo. Estaríamos, pois, perante unha solución híbrida, que colocaría o PSdeG a meio camiño entre a oposición e o goberno. Un experimento que, de saír ben, concluirá a bon seguro coa formalización a meio prazo dun executivo de coligazón.

Os proxectos a desenvolver polo PSdeG, segundo as conversas tidas até o de agora, serían o Cluster da Saúde, a Cidade da Música, o Distrito dos Mallos e o Plano de Emprendimento Tecnolóxico.

Comentarios