Dez anos despois de se declarar a guerra, as torturas a presos iraquianos chegan ao Congreso español

O Bloque Nacionalista Galego preguntará ao Ministerio de Defensa polas torturas inflixidas por soldados españois a detidos iraquianos durante a guerra no Iraque, desencadeada hai hoxe exactamente 10 anos pola coligación EUA-Reino Unido-Estado español.

Após saíren publicadas as imaxes de soldados españois torturando a presos iraquianos, o Ministerio de Defensa terá que explicar se está a investigar o acontecido e que medidas adoptará contra os membros do Exército en aras de depurar responsabilidades sobre o acontecido. Neste senso, o BNG rexistrou unha batería de preguntas dirixidas ao executivo español.

A portavoz do BNG no Congreso español, Olaia Fernández Davila, xulga que os feitos acontecidos hai unha década, e que se deron a coñecer no décimo aniversario da invasión do Iraque, constitúen un atentado "contra os máis elementais dereitos humanos e a lexislación internacional" ao tempo que supoñen "un comportamento inmoral, reprobábel e que asemade ten o engadido da degradación absoluta por ter sido gravado".

Así pois, o BNG preguntou ao Ministerio --que deberá responder por escrito-- se iniciou xa unha investigación, como anunciara, e se presentará os seus resultados perante a Cámara baixa. Aliás, exixiu ao executivo español que depure as responsabilidades que poida haber ao entender que "é un comportamento que non pode ficar impune".

Comentarios