As sesenta organizacións da Alianza Social Galega apoian a Folga Xeral do 14N contra o "empobrecemento masivo"

Rexeitan unanimemente as políticas neoliberais e o desmantelamento do modelo do benestar e afirman que hai "razóns abondo" para secundar a xornada de paro.
Bandeira galega
photo_camera A Alianza Social Galega apoia a folga do 14N

A Alianza Social Galega,constituída por case sesenta organizacións sindicais e sociais, aprobou por unanimidade unha declaración de apoio á folga xeral do vindeiro 14 de novembro. Consideran que as políticas neoliberais que están a aplicar os gobernos galego e español desmantelan o modelo do benestar e levan a cidadanía a un "empobrecemento masivo" e, polo tanto, a unha sociedade "máis inxusta e menos igualitaria".

Na declaración, a ASG manifesta que se súma á Folga Xeral do vindeiro 14 de novembro por partillar os seus obxectivos, entre os que cabe sinalar "o rexeitamento á reforma laboral, o repagamento farmacéutico, os recortes nas pensións e prestacións sociais, a deterioración e privatización dos servizos públicos, a suba do ive, a amnistía fiscal a quen defrauda ou o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos".

As organizacións que conforman a Alianza Social Galega afirman que hai "razóns de abondo" para secundar a xornada de paro do 14 de novembro, e fan un chamamento á cidadanía a participar activamente na mesma.

Comentarios