ESCENARIO ELECTORAL

Os inquéritos internos do PP galego confirman que Feijóo pode perder a Xunta

Os datos demoscópicos que manexa a dereita dánlle entre 37 e 38 deputados, no fío da maioría absoluta.

Imaxe do Parlamento de Galicia.
photo_camera Imaxe do Parlamento de Galicia.

As alarmas xa están definitivamente acesas na sede galega do PP e, por extensión ideolóxica, na súa casa 'maior' da madrileña rúa de Xénova. O partido da dereita española, que hai apenas seis meses preparaba un adianto electoral no que prevían incluso superar os rexistros da época de Manuel Fraga en Galiza, observa como a política de recortes e a vaga de protestas que acompaña tanto a xestión de Alberto Núñez Feijóo na Xunta como a de Mariano Rajoy no goberno central está a provocar unha forte erosión nas súas perspectivas electorais para as eleccións autonómicas, algo que xa se reflectiu nas enquisas internas que manexan os populares, segundo puido saber Sermos.

Os últimos inquéritos que ten o PP ao seu dispor apuntan a unha posíbel perda da maioría absoluta no Parlamento do Hórreo, o que na práctica suporía a saída de Feijóo da presidencia. Eses datos sinalan que os populares móvense nun baremo de entre 37 e 38 deputados, sendo esta última marca a necesaria para manter o goberno, polo que agora mesmo atópanse na fronteira entre o éxito e o fracaso, situación complexa de prever hai escasas datas e que evidencia o enorme desgaste que están a sofrer, que desde a oposición cren que pode acentuarse nos vindeiros meses ante a magnitude da crise.

Os datos estadísticos só veñen a confirmar para o PP os síntomas de indignación entre a cidadanía que chegaron ao seu punto máis álxido na pasada folga xeral, que congregou na rúa a uns 300.000 galeg@s contra a perda de dereitos laborais e os recortes gobernamentais de carácter ultracapitalista. Esa mobilización reuniu aos múltiples frontes de protesta que ten abertos o PP, que abranguen, entre outros, a funcionariado, medios públicos, afectados polas estafas das caixas, o naval, os traballadores das caixas, amplos sectores da cultura propia ou, moi especialmente, os parados e paradas, que poden chegar a ser 300.000 no país en poucos meses en caso de persistir o actual ritmo de destrución de emprego.

Ante o complicada da situación, Núñez Feijóo freou a súa intención inicial de convocar eleccións á saída do verán. O que moitas fontes daban como unha decisión definitiva converteuse na principal incógnita do que queda de lexislatura. De feito, semella que o presidente galego agora mesmo é máis partidario de esgotar o seu tempo no poder e chamar ás urnas en febreiro ou marzo de 2013, á espera dunha recuperación económica que desde a esquerda cren “moi improbábel no caso de que manteña as políticas actuais”.

Así, as esperanzas do PP pasan máis polos supostos problemas da oposición que polos acertos propios. Porén, nas súas enquisas só observan unha leve baixada do BNG. Ante iso, os populares pensan manter unha estratexia clara de desprestixio do contrario que tamén inclúe a maior sonorización posíbel das súas divisións internas, co obxectivo de dividir o voto alternativo até valores nos que, malia perderen con claridade en votos, consigan sumar máis escanos grazas á fronteira do cinco por cento necesaria para entrar no Hórreo. Mais en todo caso, nos círculos electorais galegos xa se dá como verdade indiscutíbel que o debuxo do próximo Parlamento de Galiza está moi aberto. Case ninguén fala agora dunha imparábel marea azul.

Comentarios