28-M

Arzúa, Terra de Melide e Ordes: o Camiño e a gandaría, no centro

As comarcas de Arzúa, Terra de Melide e Ordes suman 15 concellos cunha poboación de 63.774 habitantes. A de Ordes é a máis poboada, con 36.136 habitantes nos seus sete municipios. En Arzúa son catro localidades e 15.835 residentes e Terra de Melide outros catro concellos e 11.803 habitantes. Melide e Arzúa viven coa ollada posta no Camiño Francés. Os peregrinos e as peregrinas son a maior parte do ano (salvo de novembro a marzo) parte inseparábel das súas paisaxes urbanas e rurais. Os albergues, os servizos e a hostalería teñen medrado en ambas para atender a crecente demanda do Camiño.
Poboación en cada concello (datos do IGE de xaneiro).
photo_camera Poboación en cada concello (datos do IGE de xaneiro).

A s comarcas de Arzúa e Terra de Melide levan anos facéndose fitos no Camiño Francés. Arredor dos fluxos que xera o máis popular dos Camiños de Santiago, ambas teñen conformado boa parte do seu tecido socioeconómico, e seguen a avanzar para seguirlle o ritmo aos milleiros de peregrinos e peregrinas que cada día atravesan o seu rural e zona urbana. Melide é o epicentro da Galiza, o punto equidistante entre Lugo e Santiago, o que lle confire un carácter vertebrador no caso do Camiño.

A poboación melidense, o maior concello da comarca, é estábel e relativamente moza, e ademais nos meses de máis fluxos do Camiño Francés multiplícase por tres cos peregrinos e peregrinas.

Pero Melide non vive só para o Camiño de Santiago, si que é certo que máis do 43% da actividade económica está no seu sector servizos, porque tanto hostalaría como comercio local son bandeira da economía deste concello que é referente na comarca e en toda a contorna como “o centro comercial mellor que temos”. O comercio en Melide é parte fundamental dunha economía local que tamén ten na gandaría (30,6%) outro dos seus sectores de referencia. Cooperativas da zona como Melisanto acreditan o potente sector primario que hai na zona. De feito a actividade industrial está vencellada ao sector primario e ao da madeira case que toda.

O sector primario

Na comarca de Arzúa repítese o patrón do Camiño Francés e os seus efectos na economía local. No caso de Arzúa o sector primario aínda é maior, xa que chega a 42,6%, e os servizos rondan 30%. Tamén Arzúa, na súa cabeceira, goza de boa saúde no seu comercio local e suma á súa capacidade produtiva as queixarías, que dan importante valor económico ao sector primario e á primeira transformación das materias primas. Ademais os procesos de concentracións parcelarias desenvoltos nesta zona permitiron reducir á metade o número de explotacións e facer o sector máis eficiente, moderno e competitivo.

A comarca de Ordes

Lonxe do modelo comarcal de Arzúa e Melide, Ordes cambia de patrón socioeconómico e amosa unha comarca que é a segunda da Galiza que máis ingresos por habitante rexistra. Na súa economía a industria representa 35%, e outro 33% é o sector servizos. Ao contrario que Melide e Arzúa, só uns quilómetros máis aló o sector primario xa case non chega a 12% da economía desta comarca, máis centrada na industria, e cun polígono industrial que mira cara ao norte, cara á Coruña e Ferrolterra.

Na comarca atópase Cerceda como o concello que ano a ano revela nos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) o maior produto interior bruto (PIB) per cápita da Galiza, con 37.850 euros por habitante. Cerceda, coa presenza de Sogama e o seu polémico modelo de tratamento de residuos, ofrece na outra cara da moeda unha infraestrutura de ocio que desde a súa apertura é un fenómeno na Galiza, o seu parque acuático, único no país e foco de atracción de numerosas visitas turísticas e de lecer, tanto de dentro como de fóra da Galiza. A cabeceira da comarca, o concello de Ordes, concentra o maior número de poboación da comarca, con 12.589 habitantes, seguido por Oroso. Cerceda é o terceiro da comarca, e precisamente a súa cifra poboacional en comparación coa actividade económica explica boa parte dos seus resultados no IGE.

O feche de Meirama e o negocio de Sogama

En xuño do ano 2019, chegaba o proxecto de desmantelamento da central térmica de Meirama logo de 40 anos "decorando" a paisaxe do concello de Cerceda e toda a comarca. Un ano despois fechou a fábrica, que producía 580 MW incumprindo a normativa medioambiental de emisións industriais. Meirama é propiedade e Naturgy, antes Fenosa, e deixou 112 traballadores afectados polo feche, 77 de persoal propio e outros 35 en subcontratas, pendentes do programa previsto pola empresa para resolver a súa situación.

A central térmica aínda deixou en marzo deste ano a imaxe da demolición da súa cheminea, de 200 metros de alto. Pero no recordo, en Cerceda, pesa máis e mellor Moncho Valcarce, o cura das Encrobas, que no ano 1977 liderou as revoltas na zona polas expropiacións levadas a cabo por Fenosa para explotar a mina a ceo aberto.

A comarca de Ordes, xunto coa de Santiago, lidera de feito o produto interior bruto per cápita galego, con 21.014 euros, asentado nun 35% na industria, nun 33% nos servizos, e complementado co sector primario e a construción.

Candidaturas locais gobernan Arzúa e Melide e o PP faino en Ordes

O mapa político destas comarcas amosa que, salvo en Ordes, houbo unha perda de poder político municipal do PP. Exemplo disto é a comarca de Melide, con catro concellos nos que non queda rastro dos gobernos populares de antes. Melide ten un alcalde de AM, apoiado polo PSdeG, Sobrado un socialista e os outros dous concellos están gobernados polo BNG, con maioría absoluta en Santiso e co PSdeG en Toques.

Arzúa, Boimorto, O Pino e Touro teñen alcaldes do PP e a cabeceira comarcal é de Alternativa por Arzúa co PSdeG. Ordes reparte catro Alcaldías para o PP (Ordes, Frades, Tordoia e Trazo) e tres para o PSdeG (Mesía, Oroso e Cerceda).


Uns concellos asentados no rural e no sector industrial

Os alcaldes José Manuel Pérez (Melide), José Luís Martínez (Ordes) e José Ángel Penas (Toques).
Os alcaldes José Manuel Pérez (Melide), José Luís Martínez (Ordes) e José Ángel Penas (Toques).

Alcaldes de concellos situados nas comarcas de Arzúa, Terra de Melide e Ordes analizan o presente e o futuro desta zona. O rexedor de Toques, José Ángel Penas (BNG); o de Ordes, José Luís Martínez (PP), e o alcalde de Melide, José Manuel Pérez (Adiante Melide), teñen un diagnóstico claro das súas comarcas e unhas prioridades que marcan retos de cara ao vindeiro mandato que saia das urnas o 28 de maio.

O rexedor de Toques, José Ángel Penas (BNG), en conversa con Nós Diario, identifica como prioridades do municipio a poboación maior e a atención temperá, a educación e a sanidade, ademais da modificación do PXOM para dotar Toques de solo industrial “porque o que temos está obsoleto”. Os servizos públicos son básicos en Toques para “fixar poboación”, e a promoción do sector industrial para “diversificar” unha economía que depende basicamente do sector primario. En materia de sanidade pública, o alcalde cualifica de “extraordinario o traballo que fan as e os profesionais sanitarios en Toques”, pero os recortes levan a moitos veciños e veciñas a ter que desprazarse a Melide, concello co que comparten mesmo o pediatra.

Pola súa parte, o alcalde de Melide, José Manuel Pérez (Adiante Melide), destaca o incremento de poboación no concello nos últimos anos e aposta polos servizos e humanización da vila para “facela máis cómoda e segura para as persoas”. Por iso o goberno municipal destaca a importancia das reformas que se están a acometer no espazo urbano e no rural, unha senda pola que o rexedor asegura que hai que continuar para ofrecer servizos e atraer o turismo. Neste senso Melide ten conseguido axuda do Ministerio de Transportes para a posta en marcha de varias sendas peonís na súa contorna. O apoio e promoción do comercio local, fonte de dinamismo económico e social fundamental na zona, e a dotación de máis solo industrial son outros dos retos de futuro que sinala o alcalde melidense.

O rexedor de Ordes, José Luis Martínez (PP), ten na próxima aprobación do PXOM, logo de 20 anos de atrasos, un fito de desenvolvemento para o seu concello. O documento recibiu este ano a declaración medioambiental favorábel da Xunta e foi aprobado provisionalmente en pleno. Mentres, o alcalde insiste na necesidade de aumentar os servizos sociais á poboación, coa dotación dunha nova escola infantil con 61 prazas, o Servizo de Axuda no Fogar e axudas orzamentarias a distintos colectivos da zona. Sobre a zona pendían ademais dous novos proxectos de parques eólicos, Berdoias e Pedrabante, contra os que alegou o Concello, que asegura ser xa “unha zona saturada de liñas de electricidade de alta tensión”.

Ademais do seu carácter industrial, Ordes está a apostar por fomentar os seus espazos naturais tentando ofrecer tamén oferta turística aproveitando os fluxos de visitantes provocados polos Camiños de Santiago. Neste senso está en marcha a Vía Verde que conecta Oroso e Ordes. En concreto a actuación en marcha será a primeira Vía Verde dos concellos da Coruña, con 36,5 quilómetros que conectarán Santiago e Cerceda para peóns e bicicletas. Os alcaldes implicados destacan o impacto económico, ambiental e de ocio de deporte que terá esta actuación nos seus concellos.

Comentarios