Arxentina pide que se deteña a Martín Villa e outros cargos franquistas da Transición

Unha xuíz solicita a extradición para interrogar a persoas que sospeita tiveron responsabilidade en crimes como o de Puig Antich -ao que lle aplicaron a pena de morte- ou o de cinco obreiros en Gasteiz, asasinados pola policía.

A xuíz arxentina María Servini ordenou a detención preventiva de case dúas decenas de acusados pola súa relación cos crimes cometidos durante a ditadura franquista, entre os que se atopa o ex ministro de Gobernación no Goberno de UCD Rodolfo Martín Villa ou o ex ministro de Franco, José Utrera Molina.

Martín Villa é personaxe central na transición, con gran poder e sempre moi ben relacionado coas elites, mesmo tivo responsabilidades durante a crise do 'Prestige'

A maxistrada ditou unha resolución na que decreta esta medida destinada á extradición para tomar declaración indagatoria a Martín Villa (ministro de Gobernación entre 1976 e 1979, directivo do Grupo Prisa ou comisionado do Prestige, entre outros cargos), a Utrera Molina, familiar do ex-ministro de Xustiza Alberto Ruiz-Gallardón,  e a outros políticos da ditadura, ex membros das Forzas Armadas españolas ou antigos xuíces.

Entre os políticos, aparecen os nomes de Antonio Carro Martínez (ministro desde 1974 a 1975), Licinio de la Fuente (vicepresidente do Goberno entre 1974 e 1975), José María Sánchez Ventura (ministro no último goberno franquista), Alfonso Osorio García (ministro de presidencia entre 1975 e 1976) e Antonio Barrera de Irimo, que faleceu o pasado setembro. O asasinato de Puig Antich ou de cinco obreiros en folga en Gasteiz son algúns dos delitos dos que son acusados.  

Comentarios