Iniciativas pioneiras

Arte urbana para rexenerar o espazo urbano de Carballo

O concello de Carballo foi tremendamente castigado a nivel urbanístico na década dos 60 pola especulación. Desde a chegada do BNG ao goberno municipal en 2003, un dos piares nos que traballaron foi en reverter esta problemática rehumanizando o entorno. Dentro desta liña de actuación política lanzouse o proxecto Derrubando muros con pintura, que hoxe é unha cita recoñecida a nivel internacional no campo da arte urbana.

bordalo_II
photo_camera Obra do artista Bordalo

Carballo era unha vila moderna con numerosos vestixios datados de comezos do século 20 e até aparecía nos libros de urbanismo como modelo de boa planificación. Chegadas as décadas dos 60 e 70, o concello foise convertendo nun referente de todo o contrario debido á especulación.

Co éxito deste programa, decídese dar un impulso máis en 2015 e créase o Rexenera Fest

No ano 2003 o BNG accede ao goberno municipal e na área de Turismo sitúase o concelleiro Xosé Regueira. Dentro do programa político do BNG para humanizar o municipio e reverter os estragos urbanísticos, Regueira lanza o proxecto Derrubando muros con pintura en 2013, consistente en empregar a arte urbana para embelecer os problemas estéticos de muros de formigón en medio de espazos públicos ou medianeiras. Co éxito deste programa, decídese dar un impulso máis en 2015 e créase o Rexenera Fest dentro da programación anual de Derrubando muros. Este festival dura dez días durante o que artistas locais, galegas e internacionais pintan murais de grande formato nas rúas.

“Agora mesmo a arte pública en Carballo está consolidada", sinala Regueira

A través de acordos con particulares empezaron desde o concello a cambiar o espazo urbano por medio da arte. Desde o consistorio tiñan claro que había que tratar as e os artistas participantes como parte dun sector económico. “Aquí non facemos concursos de ideas porque non nos gusta ese costume de que ás e aos artistas sempre se lles chame a certames cando iso mesmo non pasa con outras profesións”, sinala o concelleiro Xosé Regueira, e salienta que desde o goberno se solicita ás e aos artistas unha proposta e un caché para executar, “e pagámoslles como o que son, profesionais”. Agora mesmo a arte pública en Carballo está consolidada, sinala Regueira.

No concello xa había un grupo de artistas plásticos con anterioridade ao inicio da iniciativa Derrubando muros, polo que desde o goberno intuían que o proxecto sería acollido con interese pola veciñanza.  

“Na actualidade a arte pública en Carballo está consolidada e a relación entre a arte e a cidadanía deu tales resultados que até as crianzas cando ven unha fachada en obras xa pensan que vai haber un novo mural, cando ao mellor é unha reparación sen máis”, asegura Regueira, quen engade que a arte urbana “xa é símbolo cotiá no concello”.

Comentarios