Arrimadas tende a man ao PP para un acordo electoral na Galiza para frear o nacionalismo

Evitou especificar se, ao seu xuízo, deberían presentarse candidaturas conxuntas para estes comicios da Galiza, así como para os de Euskadi e Catalunya

Inés Arrimadas
photo_camera Inés Arrimadas

A portavoz de Ciudadanos no Congreso, Inés Arrimadas, propuxo á xestora do seu partido que a formación laranxa peche acordos "transversais" con outras forzas "constitucionalistas" para concorrer ás eleccións rexionais na Galiza, Euskadi e Catalunya.

Así o anunciou nunha rolda de prensa, na que especificou que a súa intención é que este asunto poida ser "debatido e decidido" nunha xuntanza extraordinaria da dirección e Ciudadanos. Arrimadas incluso acuñou un posíbel nome para esas candidaturas: "Mellor Unidos".

Ata o de agora, Nafarroa é o único territorio onde Cs formou unha coalición electoral, presentándose ás últimas eleccións dentro de Navarra Suma, xunto con Unión del Pueblo Navarro e o PP. Pero agora a portavoz no Congreso propón chegar a fórmulas de colaboración noutros territorios.

Para xustificar este movemento, referiuse ao "momento grave e absolutamente decisivo" que, na súa opinión, vive o Estado español por ter un goberno "feble" do PSOE que inclúa as "populistas" de Unidos Podemos e que está "en mans” das independentistas.

Neste contexto, snalou, hai tres eleccións no horizonte: na Galiza e Euskadi e en Catalunya. Segundo Arrimadas, existe o risco de que os partidos nacionalistas sigan gobernando ou cheguen ao poder alí, co obxectivo de "seguir debilitando España ata que poidan dar o golpe final", e por iso é necesario "unir forzas" entre as "constitucionalistas" "para enfrontalos.

Arrimadas evitou especificar se, ao seu xuízo, deberían presentarse candidaturas conxuntas para estas eleccións. "Pode haber distintas fórmulas", dixo, e engadiu que o mellor sería elixir "a que dea máis ferramentas electorais ten cada territorio".

Comentarios