Arredista aposta por un BNG “desacomplexadamente independentista”

A organización considera a XVII Asemblea Nacional un momento para a reflexión “colectiva” e o debate.

Representantes do Movemento Arredista nunha manifestación en Compostela. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Faixa do Movemento Arredista no 25-X

Arredista, organización que naceu en febreiro do proceso "Sumarmos forzas pola ruptura" lanzado en outubro de 2020, avoga por unha XVII Asemblea Nacional do BNG – fronte da que fai parte- como unha oportunidade “para afondar no debate, o intercambio de ideas e a clarificación ideolóxica”.

Así o sinala nun documento no que avoga por un debate centrado “nas ideas e non nas persoas”, para así definir “da forma mais colectiva posíbel o rumo do BNG”.

Arredista indica que particippu nos debates previos a esta Asemblea Nacional e indica que “algunhas das achegas que a nosa militancia fixo nas diversas asembleas comarcais xa foron aceptadas no Consello Nacional, e outras irán a debate na propia Asemblea Nacional”.

Entre as liñas propostas está a de “termos presente en todo momento o horizonte estratéxico cara ao que camiñamos (unha República Galega soberana e xusta”, así como Deixar “claro que non entraremos a negociar unha reforma estatutaria e que o novo marco que defendemos debe estar fundamentado no noso dereito a decidir.

A posibilidade de presidir a Xunta, apuntan, “debería servirnos para conseguir avances nas condicións de vida do noso pobo, favorecer a autoorganización popular e crear conciencia nacional

Arredista aposta por un BNG que dea o paso de “asumir unha posición política aberta e desacomplexadamente independentista” ao tempo que teña un discurso que estea dirixido “á inmensa maioría social do noso país: aquela que vive do seu traballo, cuxos intereses debemos defender prioritariamente”

O compromiso “firme con un modelo de ensino inmersivo na nosa lingua”, o impulso da “autoorganización do noso pobo a todos os niveis”, son outras das liñas formuladas.

Tamén indican que as responsabilidades institucionais, “nomeadamente unha hipotética chegada ao goberno autonómico”, deben de entenderse – “como un medio para o avance do noso proxecto político, mais non un fin en si mesmo”. A posibilidade de presidir a Xunta, apuntan, “debería servirnos para conseguir avances nas condicións de vida do noso pobo, favorecer a autoorganización popular e crear conciencia nacional, mais sobretodo para evidenciar as limitacións dun marco político absolutamente insuficiente e que debemos superar”.

Para a organización, o papel do BNG debe de ser o de ser quen de "construír alternativas transformadoras e que defenda sen complexos, dende as institucións e dende as rúas, os intereses do pobo traballador galego frente ás agresións que esta sufrindo". 

Comentarios