Arranque "convulso" da I Asemblea Nacional de Anova, que vota listas abertas 'corrixidas'

Cun forte debate interno non exento de momentos de tensión, a militancia de Anova-Irmandade Nacionalista optou polas listas abertas correxidas como a fórmula para elexir os 75 integrantes da Coordinadora Nacional 

Asemblea de Anova
photo_camera Asemblea de Anova

Os 75 integrantes da Coordinadora Nacional de Anova serán elexidos por un sistema de listas abertas mais con corrección de xénero e número. Ou sexa, que cada militante poderá marcar unha cantidade máxima de 36 persoas (hai 171 candidat@s) para elexer a CN e @s 75 máis votad@s pasarán formar parte deste órgano.

A propia mesa da asemblea declarouse "non competente" para validar a proposta elexida, a de listas abertas con correccións

Esta opción impúxose ao obter 202 votos, mentres que a que pretendía a elección da Coordinadora por listas abertas puras tivo 185 sufraxios. 146 apoios obtivo a que pulaba por un modelo comarcal, e 166 os que avogaban por unha lista aberta con corrección ao 50%.

Tensión

A votación non estivo exenta de tensión. Prolongouse durante mais de dúas horas. A propia mesa da Asemblea, unha vez realizada a votación, tivo que tomar o seu tempo para deliberar. Este orgao sinalou que a fórmula suporía modificar os estatutos de Anova, polo que cumpriría que a maioría fose de 2/3.

Unha votación a man alzada decidiu que ese requisito non era preciso. A mesa declarouse “non competente”, e mesmo algúns presentes pediron a súa demisión. Todo o debate se desenvolveu ante a presenza dos medios, que non tiveron impedimento algún para acceder aos debates

Culturas políticas "que chocan"

O propio alcalde de Teo e candidato á CN, Martiño Noriega, cualificou a votación de “convulsa”, mais enmarcou iso en que “se a xente é exixente con nós, nós tamén somos exixentes con nós”. Pola súa banda, Xosé Manuel Beiras incidiu en que o acontecido amosa que “non existe un aparato que cociñe o resultado”. Aseverou que o ocorrido na votación era un síntoma dun "proceso de confluencia en que chocan as culturas políticas" das e dos militantes que "proveñen do sistema anterior" e daquelas que "proceden de fóra das organizacións políticas".

Diferenzas sobre alianzas

Outra cuestión que tamén está suxeita a debate é a política de alianzas. En principio, hai dúas posturas diferentes. Unha partidaria de afondar nas relacións con IU. Outra, máis partidaria de tender pontes co soberanismo galego (e vasco e catalán na cita europea).

Comentarios