Arranca o xuízo polas ameazas a Arroxo, que acusa o PP de expandir unha "vaga de odio"

O tenente de alcalde de Lugo, o nacionalista Rubén Arroxo, compareceu na quinta feira ante o xuíz en relación á denuncia que interpuxo contra un veciño da localidade por ameazalo de morte en redes sociais. Á súa entrada, confiou en que este sexa "un punto de inflexión" para erradicar unha "onda de odio" da que responsabilizou, entre outros, ao PP local.

Rubén
photo_camera Rubén Arroxo, no centro, nos Xulgados de Lugo (Foto: Nós Diario)

Arroxo tachou de "inadmisíbeis" condutas ameazadoras en redes sociais e pintadas e alertou de que existe un "aval" das mesmas por parte de diferentes grupos sociais e institucionais.

"En Lugo hai xente que se dedica a mandar unha serie de mensaxes de odio que provocan que individuos como este se sintan apoiados para ameazar libremente", dixo, "por unha banda o PP de Lugo e por outra os autoproclamados como representantes dos veciños".

En concreto, o nacionalista sinalou directamente "un concelleiro popular que curiosamente sempre está no medio destas historias".

Pintadas de ameaza

Rubén Arroxo explicou que hai cinco meses as primeiras pintadas "ameazantes" empregaban "os mimos termos que este concelleiro nos seus perfís sociais". "Casualmente, tamén, estas mensaxes ameazantes aparecen no seu taboleiro de Facebook", engadiu.

Por iso, o denunciante instou o PP de Lugo a que pare "a pensar que están a facer para expandir esta onda de odio que se basea en discrepancias ideolóxicas".

Outra das agrupacións que, desde o seu punto de vista, alentan estas condutas "violentas" é a Asociación de Veciños de Lugo. "Este individuo (o denunciado) ademais de ser militante do PP era membro da Asociación de Veciños de Lugo, agrupación que nada máis entrar no goberno dirixíronse a nós sempre con violencia verbal e agora vemos o que pasa", dixo o concelleiro.

Arroxo sinalou claramente Jesús Vázquez, presidente da Asociación, por difundir "unha mensaxe de odio continuado polo mero feito de non tratalo como un privilexiado, senón como un veciño máis, o que termina provocando que estes elementos (polo denunciado) acaben aparecendo".

Con todo, a cabeza visíbel do BNG en Lugo recoñece ter apoio tanto de veciños como de membros da corporación "de todos os partidos" e puxo en valor "a disputa política desde o respecto".

Hoxe iníciase o proceso de instrución dun caso denunciado hai algo máis dun mes. O nacionalista sabe que "será longo", pero o importante "é que imos explicar todo o sucedido para tentar frear este tipo de condutas", resolveu.

Comentarios