Arranca unha longa campaña electoral de 2 anos na Galiza

As forzas políticas galegas xa están somerxidas na preparación dos diversos procesos electorais que teñen por diante. Un longo ciclo político que ten a súa primeira parada nos comicios municipais de maio de 2023 e cuxo remate se sitúa nas eleccións galegas de mediados de 2024. De hoxe até daquela todo serán eleccións.
As enquisas coñecidas nas últimas semanas non son favorábeis a Alfonso Rueda. (Foto: Nós Diario)
photo_camera As enquisas coñecidas nas últimas semanas non son favorábeis a Alfonso Rueda. (Foto: Nós Diario)

O Partido Popular quere converter as municipais do vindeiro ano nunha sorte de primarias das estatais. Neste sentido, entenden que un PP reforzado neses primeiros comicios partirá con máis vantaxe para as eleccións lexislativas. Porén, non esquece a importancia das locais e aspira na Galiza a mellorar as súas posicións en relación a 2019, co obxectivo de gobernar en Ferrol, Ourense e Lugo. Nestas tres cidades centrará a súa campaña, apoiada nunhas enquisas que lle dan posibilidades nas dúas primeiras localidades e lle poñen as cousas máis difíciles na terceira.

O socialistas saen a este proceso a conservar as súas posicións no ámbito local e resistir nas estatais cun resultado que lles permita gobernar cos nacionalistas cataláns, galegos e vascos. Así, dan por feito manter a Presidencia das deputacións de Coruña, Pontevedra e Lugo, se ben neste último caso con máis pelexa, ao tempo que agardan conservar as Alcaldías de Vigo, A Coruña e Compostela.

Na mesma dirección, recoñecen que en Lugo deben suar a camisola, moi preocupados polo ascenso do BNG, recoñecendo problemas en Ferrol e Ourense, onde nos pasados comicios ficaron como primeira forza.

O BNG entende que vai mellorar de xeito significativo os seus resultados das locais e das estatais. Nesta dirección, os responsábeis da formación botan man das tendencias definidas nas sondaxes pero sobre todo do aumento no número de candidaturas en relación a 2019 e do reforzo das mesmas con incorporacións de referentes sociais. Neste sentido, amósanse convencidos dun avance importante nas estatais, cun incremento na representación e, tamén, na porcentaxe de votos.

A plataforma de Yolanda Díaz, Sumar, estará lista para as estatais pero non para as locais. A este respecto, é unha incógnita como vai afrontar ese espazo político o proceso das municipais, ficando por aclarar se o conglomerado de Podemos se incorpora ás candidaturas municipalistas da Coruña ou Compostela ou se por outra parte a formación morada se dispón a competir contra elas. No caso da Galiza, a opinión de Díaz será chave na decisión final de Podemos.

A foto final destes dous procesos será o punto de partida para as galegas de 2024. Malia que se tratan de comicios diferentes, por conseguinte con distinto comportamento electoral, a decorrer nun momento de dura crise económica, que acelera os tempos políticos e introduce cambios moi rápidos no estado de opinión social, a referencia do vivido en 2023 pesará, mais ou menos, en 2024.

Rueda non o ten fácil na Galiza. As sondaxes, con todas as súas limitacións ao estar elaboradas nun momento de crise económica, así o confirman. A súa continuidade á fronte da Presidencia Xunta da Galiza depende máis da oposición que del e do seu partido. A pelota, neste caso, está no tellado do BNG e do PSdeG.

comentarios