Sector crítica espalla a palabra de orde #abstencionpolaunidade

Arranca a consulta sobre Paula Quinteiro cuxa lexitimidade a parlamentar cuestiona

Curiosamente, a chamada ás bases de En Marea comeza o mesmo día en que Podemos realiza o seu referendo interno sobre a continuidade ao fronte da formación morada de Pablo Iglesias e Irene Montero, atinxidos polo affaire do seu chalet de 600 mil euros.

en marea
photo_camera Aspecto do último plenario de En Marea

Esta terza feira dá comezo a consulta -a votación vaise prolongar até a quinta feira- en que as por volta de 2.400 persoas inscritas na confluencia galega decidirán se Paula Quinteiro debe demitir ou non após se ver envolvida nun incidente coa policía local compostelá. Convoca o referendo interno o Consello da Marea, máximo órgao do partido instrumental, controlado neste momento polo oficialismo liderado por Luís Villares. Faise contra o criterio das correntes críticas (a Anova oficial, Podemos, Esquerda Unida, Marea Atlántica, Compostela Aberta...), maioritarias no grupo parlamentar. O cisma interno -con dúas instancias nos antípodas, Consello da Marea e o grupo parlamentar- está servido.

Con independencia do que acaben votando as inscritas, xa sabemos algo por antecipado: Quinteiro cuestiona a lexitimidade da consulta e, portanto, non vai recoñecer os seus resultados, caso de estes seren contrarios á súa continuidade no Pazo do Hörreo. En declaracións á Ser Galiza -a parlamentar declinou ser entrevistada por Sermos-, a integrante de Podemos-Anticapitalistas deixou claro que non se sente concernida polo desenvolvimento deste referendo: "Eu penso que nesta consulta non se xoga o meu futuro político". E a seguir lanzou un novo ataque á dirección da confluencia: "Quen non está a respeitar o mandato das bases é quen a convoca, quen incumpre os documentos aprobados por todos".

Os sectores que apadriñan Quinteiro non son contrarios formalmente a pulsar a opinión das persoas inscritas sobre o futuro da parlamentar, mais consideran que o procedimento a seguir non debe ser a consulta, senón o proceso de revogación dos parlamentares tal e como aparece regrado nos estatutos da confluencia. De acordo con estes, tería de se convocar un plenario (equivalente a unha asemblea nacional), cun quórum, alén do máis, moi cualificado: a votación só sería válida se emitisen o seu sufraxio "un mínimo de 50 persoas das persoas inscritas no momento en que se inicie o proceso".

O aparato villarista contra-argumenta con que as normas internas tamén contemplan a consulta directa ás inscritas -sen plenario polo medio- para resolver asuntos de "trascendencia" que teñan "impacto político, social ou económico" sobre a confluencia. Nese caso, o resultado do referendo será vinculante, ou sexa, tido como "acordo firme a aplicar polos órganos políticos e En Marea e polas/os cargos e grupos de representación institucional".

A pergunta que se submete á consideración das bases de En Marea é a seguinte: "Consideras que Paula Quinteiro debe demitir do seu cargo como deputada do Parlamento galego polo uso da súa acta de deputada para un asunto particular?". A consulta -que se realizará através de Telegram- deu comezo esta terza feira ás 10 horas e vaise prolongar até a cuarta feira 23 ás 23 horas. A organización informará sobre os resultados a primeiras horas da quinta feira 24.

É previsíbel que na consulta só tomen maioritariamente parte as correntes internas favorábeis a Luís Villares (basicamente a ala crítica de Anova, Cerna e marés locais), desde o momento en que desde os núcleos partidarios de Quinteiro se alentou a non participación no referendo -que xulgan un "linchamento"- por meio dun manifesto e, nas últimas horas, por meio dun hashtag nas redes, #abstencionpolaunidade.


 

Comentarios