15 DíAS PARA UNHAS ELECCIóNS CHAVE

20-D: arranca a campaña máis decisiva

BNG

Arrancou, ao fío da medianoite, a campaña eleitoral. Estas, as do 20D, non son unhas eleccións calquera. Unha mensaxe na que que coincidiron, na inauguración oficial da campaña das xerais, as diferentes formacións. Mais nos discursos ficaron claras as diferenzas sobre que é o que está en xogo nesa cita coas urnas e sobre o rol do país nese escenario.

En Vigo, Nós-Candidatura galega; en Compostela, En Marea; na Coruña o PPdeG e en Ourense o PsdeG. As formacións que concorren na Galiza ás eleccións do 20 de decembro optaron por diferentes cidades para os seus actos centrais de inicio de campaña e tradicional colaxe de cartaces. Non só se diferenciaron en canto á escolla do escenario, senón tamén no que atinxe a discurso e ideas.

Carme Adán: “Non escoito falar de Galiza nese bipartidismo a catro”

En Vigo, Carme Adán, número 1 de Nós ao Congreso por Pontevedra, reivindicou a necesidade dun grupo soberano no Congreso dos Deputados. A cabeza de lista por Pontevedra, Carme Adán, asegurou que Nós “comprométese a que Galiza non sexa invisíbel” porque, segundo afirmou, “non escoito falar de Galiza nese bipartidismo a catro”. Adán denunciou a situación do sector gandeiro galego, amosando un cartón de leite que se utiliza como reclamo polo seu baixo prezo. “Non queremos un país low cost, queremos un país de primeira; que produce produtos de calidade a prezos de miseria”, manifestou durante a súa intervención. No acto, que comezou cunha actuación musical, tamén falaron as e os candidatos Alberte Mera, Helena Pérez, Segundo González e Miriam Rodríguez. Ao remate, Carme Adán procedeu á tradicional pegada acompañada do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, como punto de partida a unha campaña que considerou “fundamental para ter voz propia”. 

Mentres transcurría este acto en Vigo, o candidato de Nós pola Coruña, Carlos Callón, embarcaba nun pesqueiro para amosar simbolicamente o apoio ao sector do mar de Galiza.

en marea'En Marea' optaba por Mazarelos, unha praza da zona vella compostelá con simbolismo para a coligazón, pois foi nela onde en agosto Anova, IU e Podemos presentaron o acordo que callou neste proxecto que concorre ao 20-D e ten vontade de permanencia para a cita de 2016 en Galiza. O nº1 e nº2 pola Coruña, Antón Gómez-Reino e Yolanda Díaz; e o alcalde compostelán, Martiño Noriega, foron os protagonistas do acto. "Facer política en Marea é facelo de abaixo a arriba, coa xente,coa maioría social. Imos levar a voz da cidadanía", asegurou Gómez-Reino antes do comezo do acto en Compostela. "Este 20 de decembro en Galiza vai a chegar unha primavera que devolverá as institucións á cidadanía”,  declarou Yolanda Díaz .

Feijóo, convencido da vitoria

Núñez Feijóo estivo na Coruña, onde o PPdeG realizou o acto central de inicio de campaña. O candidato por Coruña, Miguel Lorenzo, e o ex-rexedor herculino, Carlos Negreira, estiveron no encontro. Feijóo puxo o PP como garantía dun goberno responsábel e acaído para, sinalou, reforzar a recuperación económica. Enfronte, describiu, un sarillo de formacións que non serían quen de gobernar acaidamente.

PP feijooO PSdeG escolleu Ourense, onde o seu secretario xeral, Gómez Besteiro apoiou Rocío Frutos e Luis García Mañá, os cabezas de lista para o Congreso e o Senado, na pegada de carteis, que se realizou na Casa Sindical. Besteiro dixo que era necesario volver “conquistar e recuperar uns dereitos” e para iso “só hai unha opción real”, referíndose ao PSOE. “O PP demostrou que catro anos son suficientes para laminar os dereitos que os cidadáns considerabamos absolutamente intocables”.

Por volta de 2.400.000 persoas en Galiza teñen dereito a voto e poderán elixir 23 deputados e 16 senadores. Só 9 candidaturas compiten nas catro circunscricións galegas por obter representación no Gongreso e no Senado. Nós-Candidatura Galega, En Marea, PP, PSOE, Partido da Terra, Ciudadanos, UPyD, os animalistas de Pacma e Recortes cero-Grupo verde. Chégase ao 20D após catro anos dunha crise con brutais consecuencias sociais, de recortes en dereitos e liberdades, de xurdimento de novos actores políticos, de crise do modelo político emanado da Constitución do 78 e dunha fonda fenda aberta nese modelo polo proceso independentista catalán.

Comentarios