Arranca a IX lexislatura do Parlamento de Galiza

Esta sexta feira arrincou a IX lexislatura do Parlamento galego. Centos de persoas rodearon as portas da institución para apuparen ao executivo galego en funcións e exixírenlle solucións para @s afectad@s polas preferentes.
Deputad@s do BNG toman posesión do seu escano co Sempre en Galiza
photo_camera Deputad@s do BNG toman posesión do seu escano co Sempre en Galiza

"Aproveito este momento efémero para disolver a cámara e convocar eleccións". Máis de un tragoábase coas verbas pronunciadas por Xosé Manuel Beiras Torrado --en calidade de presidente da Mesa de idade-- até que aclarou "é unha brincadeira, non podo". Así daba comezo a xornada de constitución da IX lexislatura do Parlamento de Galiza.

Con catro grupos parlamentares --após dúas lexislaturas con só tres partidos representados no arco parlametar-- iniciouse o que semella será un curso político convulso, como reflectía a manifestación que agardaba @s deputad@s ás portas do Parlamento, rodeada dun amplo cordón policial. "É cousa absurda que a policía protexa o Parlamento dos cidadáns", aseguraba Beiras. Acompañado polas dúas persoas máis novas do hemiciclo, dábase inicio á xornada constitutiva coa lectura dos dous decretos polos que se disolvía a Cámara do anterior exercicio e se convocaban eleccións.

Cun salón de plenos ateigado de xornalistas e persoas convidadas --entre as que se atopaban o alcalde da Coruña, Carlos Negreira; antigos deputados como o nacionalista  Emilio López 'Milucho' ou o alcalde de Teo, Martiño Noriega o presidente 'efémero' da Mesa Parlamentar iniciaba a quenda de votacións para elixir @s membr@s eleit@s do órgano reitor, explicando o procedemento e, de novo, ironizando sobre as papeletas que @s deputad@s debían introducir na urna. "Como na África da descolonización, na que había moito analfabeto, entrégansevos papeliños de cores".

Pilar Rojo recuncou como presidenta da Mesa cun voto menos que deputad@s 'populares' no Pleno

Cada un(nha) d@s representantes parlamentares emitiu tres votos para designar a presidencia, vice-presidencias primeira e segunda; secretaría e vice-secretaría. Non houbo sorpresas. Como todo apuntaba, Pilar Rojo, deputada eleita pola provincia de Pontevedra recuncou como presidenta da Mesa após exercer esta responsabilidade na lexislatura anterior; cun voto menos que deputad@s 'populares' no Pleno (40). Xunto a ela estarán Miguel Santalices como vice-presidente e José Manuel Balseiro como secretario. Aliás, dúas deputadas socialistas --que finalmente decidiron non ceder ningún posto ás demáis forzas da oposición--, asumiron a Vice-secretaria e a Vice-presidencia segunda; Marisol Soneira e Concepción Burgo López.

"Defenderei os dereitos sociais e nacionais do pobo galego"

C@s membr@s da Mesa nas súas cadeiras, @s representantes parlamentares iniciaban a quenda de xuramento para tomaren posesión dos seus escanos. As deputadas e deputados do BNG, "prometeron" na súa intervención "por imperativo legal" amosando así o seu rexeitamento á Constitución española e ao marco autonómico do que en numerosas ocasións aseguraron "estar esgotado". Asemade, afirmaron no seu investimento "defender" como representantes "os dereitos nacionais e sociais do pobo galego". @s sete parlamentares nacionalistas, interviron na Cámara cun exemplar do Sempre en Galiza e cun cravo --de igual xeito que fixera en anteriores lexislaturas--.

Pola súa banda, @s deputad@s eleitos de Esquerda Unida, prometeron e xuraron "gardar fidelidade á Constitución española e ao Estatuto de Autonomía" e facer valer as súas "convicións republicanas". Desde as bancadas socialistas, prometeron e entre @s populares houbo quen xurou a Constitución e quen a prometeu, como o que será investido presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo. Cun solemne "prometo", o presidente d@s populares repetía a mesma fórmula que no pasado curso político.

Para rematar e antes de entoar o himno nacional galego, a xa presidenta da Cámara, Pilar Rojo, fixo un chamamento @s representantes parlamentares para "estarmos á altura do que as galegas e galegos agardan de nós" e pularen por unha "Galiza aberta, plural e solidaria", aseverou.
Após dar por inaugurada a IX lexilatura, nos corredores do Parlamento @s deputad@s e convidad@s parabenizábanse. Porén, unha representante da Plataforma de afectad@s polas preferentes que contaba coa acreditación precisa para tomar parte da xornada inaugural, aproveitou a ocasión para se dirixir a Alfonso Rueda, conselleiro de Presidencia en funcións, e exixirlle unha solución para os milleiros de persoas estafadas por NGB. Sen demora, un funcionario da institución, obrigábaa a saír do Parlamento, asegurando que "non é o momento".

Comentarios