Arquivan a causa de prevaricación contra o edil de Turismo de Poio instada polo PP

Uns meses despois de coñecerse o chamamento para una investigación do edil nacionalista de Poio Xosé Luís  Martínez Blanco (BNG), a Xustiza arquiva a denuncia apresentada polo Partido Popular en que se pedía que se investigara a maneira na que se adxudicaran os postos da Festa do Mar de 2014 acontecida en Combarro. O instrutor da causa non ve indicios de delito tras falar coas diferentes testemuñas envolvidas nas pesquisas.

IMG_0870
photo_camera Zona do paseo de Baños en que se instalan os postos da Festa do Mar

O xulgado de instrución número dous foi o encargado de dirixir a denuncia interposta polo PP local contra Xosé Luís Martínez, chamado a declarar como investigado o 29 de marzo. A denuncia levou á apertura dunha investigación por un posíbel delito de prevaricación administrativa. O caso vaise arquivar sen maiores consecuencias. A resolución é provisional e está por ver se é recorrida. Para o peche do caso bastou a declaración do concelleiro, ben como a dos titulares dos postos que se montaran para a citada edición da Festa do Mar, así coma o testemuño dos técnicos municipais.

Sempre arroupado dende o Concello, tanto polo resto de compañeiros coma polo propio alcalde Luciano Sobral, Martínez asumiu que podería falarse de “pequenas irregularidades na tramitación de adxudicación de nove postos”, pero que sempre estaría “tranquilo”. Seguindo co discurso, descartou a demisión dende o primeiro momento, e comprometeuse a ofrecer as explicacións necesarias ao xuíz instrutor, e lembrou que o Concello colaborou puntualmente en todas aquelas cuestións nas que foi requirido. Dous meses despois, a Xustiza dá a razón ao dito polo edil de Turismo.

Críticas de Luciano Sobral á oposición

No momento de coñecerse a investigación, Sobral criticou a oposición duramente, e sinalou que o obxectivo do PP parecía querer acabar cun dos eventos máis importantes do municipio, e que non cederían á chantaxe. Nese sentido, a Festa do Mar colocouse nos últimos anos como unha das maiores citas do verán, e non só para os veciños de Poio, senón tamén para os de Pontevedra e arredores, que acoden a gozar dos concertos, as actividades, os postos e o bo ambiente que se crea na vila mariñeira de Combarro. Os visitante cóntanse por miles.

Martínez, pola súa parte, alegou que as e os populares “queren chegar á alcaldía de calqueira maneira” e matizou que a estratexia de adxudicación usada na Festa do Mar é o mesmo procedemento utilizado noutros eventos similares, pero que, porén, nunca deron ningún tipo de problemas, e moito menos, unha denuncia formal. Cabe destacar que o auto deixaba claro que os feitos da investigación non se enmarcaban no ámbito da corrupción, nin do enriquecemento da persoa, nin de tratos de favor con ninguén.

Martínez alegou que as e os populares "queren chegar á alcaldía de calqueira maneira"

Por outra banda, nos últimos días confirmábase que Martínez volvería capitanear o Consello Local do BNG de Poio. O edil de Turismo seguirá ao fronte do organismo despois de que a militancia elixise a súa candidatura por unanimidade. A lista estaba formada por doce persoas, entre elas catro membros actuais da equipa de goberno local: Marga Caldas, Lidia Salgueiro, e o alcalde Luciano Sobral; e o propio Martínez.

O renovado Consello xa mantivo as súas primeiras reunións, e estabeleceron obxectivos claros como o traballo para expandir o discurso do nacionalismo e incrementar a base social. Así, o BNG local espera incrementar nos próximos tempos a militancia no municipio. Cabe destacar que dos trece membros que forman o Consello, case a metade son menores de trinta anos e asumen estes cargos por primeira vez.

Asemade, o órgano local pretende colaborar co goberno poiense, co obxectivo de dar un impulso a varias prioridades e demandas do municipio, como esixir á Xunta o cumprimento dos convenios asinados para a mellora dos portos de Covelo e Raxó, un Plan Integral de Seguridade Viaria para a PO-308, o parque empresarial de Fraga Moreira, e a execución dun Plan Integral de Saneamento da Ría de Pontevedra.

Comentarios