Critica a campaña do PPdeG sobre os pagamentos a conta

Arangüena pídelle moderación a Tellado "para non acabar abrazado a Abascal"

EA5LAz-WkAAQaX4
photo_camera Caballero e Arangüena, nunha rolda de prensa [Imaxe: PSdeG]

O vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, criticou hoxe que o secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, estea "exercendo de papagaio político" e esixiulle que "deixe de embarrar a política". "Debería introducir certa moderación no seu discurso para non acabar abrazando a Santiago Abascal, como outros dirixentes do PP de Galiza", dixo.

Arangüena alertou tamén sobre o "baixo nivel político" que están amosando os dirixentes populares na súa "campaña de ataque" contra o líder da oposición, cuestión que atribuíu ao "nerviosismo" que lles están a provocar as enquisas que que reflicten a perda da maioría absoluta do PP na Galiza. 

"O PP de Feixoo está rebasando os límites da crítica política", engadiu, "con burdas e absurdas acusacións" en cuestións como o financiamento das Comunidades Autónomas. "Falaron reiteradamente de aldraxe a Galiza nun asunto que afecta por igual a todas as comunidades", sinalou o vicesecretario do PSdeG, quen recordou ademais que a Avogacía do Estado "xa marcou os límites de actuación dun goberno en funcións cos orzamentos prorrogados".

O dirixente socialista recomendoulle "moderación" ao presidente da Xunta e reclamoulle que "deixe de tentar disfrazar a asfixia progresiva e a parálise permanente que significan para Galiza os seus dez anos de xestión".

Comentarios