VALORAN A SÚA RENDIBILIDADE A TRAVÉS DOS INGRESOS TRIBUTARIOS

Apróbase o Decreto do Regulamento de Apostas Deportivas

O presidente da Xunta resaltou que o Decreto, aprobado hoxe polo Consello, regula “a autorización, a explotación e a comercialización” das apostas deportivas, e fixa os establecementos nos que se poden realizar: tendas específicas de apostas ou espazos habilitados nos casinos, nos bingos, nos salóns de xogo, nos recintos deportivos e locais de hostalería.

 


Alberto Núñez Feijóo subliñou que as empresas “deberán inscribirse no Rexistro de Apostas de Galicia e obter autorización e cumprir os requisitos que establece o Decreto”. Detallou que nas tendas de apostas poderán instalarse un máximo de 12 terminais; nos casinos, bingos e salas de xogos un máximo de cinco terminais; e nos establecementos de hostalería un máximo de unha terminal por establecemento.

Sobre as medidas de protección dos xogadores, salientou a prohibición de apostar a menores de idade, aos que voluntariamente o soliciten e tamén ás persoas con síntomas de embriaguez. Feijóo informou tamén de que se establece “un réxime de prohibicións, de incompatibilidade do persoal das empresas, dos dereitos das persoas usuarias, do control e inspección da actividade de apostas e do réxime e de sancións”.

Quérese así regular “unha actividade que está a empezar a ter un auxe en boa parte do territorio español, cunha gran aceptación social”, co fin de “organizala de forma axeitada, para blindar este tipo de actuacións desde o punto de vista da óptica dos consumidores, e para que sexa rendible desde o punto de vista dos ingresos tributarios que se podan acadar por este tipo de xogos de apostas deportivas”.

Comentarios