Aprobado inicialmente o novo PXOM de Vigo cos votos do PSdeG

A oposición denuncia a "falta de participación" en todo o proceso previo.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, con membros do seu equipo ao remate do pleno (Concello de Vigo).
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero, con membros do seu equipo ao remate do pleno (Foto: Concello de Vigo).

O pleno da Corporación Municipal de Vigo aprobou esta quinta feira, inicialmente, o novo Plan xeral de ordenación municipal (PXOM), case seis anos despois da anulación xudicial do anterior plan, e cos únicos votos favorábeis do grupo socialista, a abstención de BNG e Marea, máis o voto contrario do PP.

Na sesión plenaria, a concelleira de Urbanismo, María José Caride, defendeu que o novo plan tivo a participación de colectivos veciñais, profesionais e socioeconómicos, e lembrou que o debate desta quinta feira non é o punto final da súa tramitación. A partir de agora, detallou, abrirase o período de exposición pública, que se ampliou a tres meses, e porase a disposición da veciñanza e entidades recursos técnicos e medios para que poidan coñecer e "comprender" o novo PXOM.

Ademais, recalcou que este plan é "realista", elaborado "con clara intención de executarse" e que recolle as necesidades da cidade até 2050. Afirmou que conta nas súas previsións de vivenda protexida cunha media do 30% e un aumento de zonas verdes, espazos dotacionais e chan industrial e comercial, renunciando a actuacións controvertidas recollidas no plan de 2008, como a Rolda, a Cidade do Frío ou o desenvolvemento de Porto Cabral.

Críticas da oposición

Todos os grupos da oposición coincidiron en criticar a tramitación do novo plan urbanístico, ao considerar que non houbo participación dos axentes sociais e económicos da cidade, e reclamaron ao Goberno local que facilite esa participación no que queda de tramitación.

O portavoz do PP, Alfonso Marnotes, advertiu de que o novo plan ten "indefinicións" e "lagoas", e carece de ordenación detallada en numerosos ámbitos, o que provocará "problemas no seu desenvolvemento". 

Pola súa banda, o portavoz de Marea de Vigo, Rubén Pérez, ironizou sobre o feito de que "agora" todos os grupos que participaron dun modo ou outro no PXOM anulado renuncian á súa "paternidade", e incidiu na "falta de participación" na tramitación deste. 

Mentres, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que se aprobou (inicialmente) un PXOM en Vigo "por primeira na historia da cidade cos votos dun só grupo", e subliñou que a anulación do anterior tería que ser "unha oportunidade para aprender dos erros".

Comentarios