Aprobada no Congreso unha emenda do BNG para eliminar a taxa de reposición de efectivos na sanidade

A proposta foi aprobada con 260 votos favorábeis.

O Congreso, onte, no debate sobre a prórroga da alarma (Imaxe: Pool)
photo_camera O Congreso (Imaxe: Pool)

BNG informa que no marco dos debates da Comisión de Reconstrución no Congreso o o deputado nacionalista Néstor Rego defendeu na Grupo de Traballo de Sanidade unha emenda para eliminar a taxa de reposición de efectivos, “para así terminar coa precariedade laboral". A emenda saíu aprobada con 260 votos favorábeis, indican desde o Bloque.

“É un paso moi importante -sinala Rego- porque implica eliminar un dos principais obstáculos para poder ampliar o persoal da Sanidade após moitos anos de redución de efectivos, o que deteriorou de forma importante o servizo; e iso é así en todos os servizos públicos. Agora esperamos que o Goberno faga caso deste criterio incorporado ás conclusións e acabe aplicándoo canto antes”.

O Bloque Nacionalista Galego informa que presentou diversas emendas “orientadas a favorecer unha saída social e xusta da crise; a defender a capacidade da Galiza para decidir sobre os seus asuntos, fortalecendo o autogoberno, e a apostar por servizos públicos fortes e de calidade, fronte ao proceso de precarización que viñeron sufrindo nos últimos anos”.

Neste sentido, Rego lamentou que PSOE e Unidas Podemos “votasen en contra de propostas do BNG como nacionalizar empresas dos sectores estratéxicos -co exemplo de Alcoa-, implantar un imposto ás grandes fortunas, reducir o gasto militar ou recuperar o fondo de rescate bancario”.

Comentarios