Néstor Rego, número un do BNG pola Coruña

“Apostamos por nacionalizar o sector enerxético”

Néstor Rego (O Vicedo, 1962), docente no ensino medio, secretario xeral da UPG, concelleiro en Compostela entre 1995 e 2008, fundador nos tempos de estudante dos CAF, repite como cabeza de lista do BNG pola Coruña, a circunscrición na que as nacionalistas conseguiron os mellores resultados en abril (6,6% do voto). Rego aspira a alcanzar un escano no Congreso que certifique a recuperación do BNG. As enquisas indican que compite por Vox por esa acta. 
Néstor Rego entrevista xerais 2019 Novembro 10-N (1)
photo_camera Néstor Rego, nunha libraría en Compostela esta semana. [Arxina]

Nos últimos días da campaña o BNG está dando un estirón con apoios de diferentes figuras do nacionalismo. A que de debe?  

Penso que cada vez hai máis xente que partilla con nós esa idea de que non podemos seguir confiando o noso destino ás forzas políticas españolas e que a única posibilidade de que os problemas e as solucións para Galiza aparezan nos debates no Congreso está en apostar por unha forza nacionalista como o BNG.  

É unha campaña breve, moi rápida, deulle tempo a apreciar como evolucionou?

Desde o punto de vista do BNG é unha campaña na que imos medrando claramente día a día. Imos mellor que en abril. As expectativas son que vai haber representación do nacionalismo.  

Que factor considera que foi clave para acelerar ese crecemento do BNG?

Hai cuestións concretas, como os orzamentos estatais de 2019 que votaron a favor PSOE, PP e Podemos, que foron os perores para Galiza en 17 anos; ou como a crise industrial que ameaza con fechar unha serie de empresas e diante da que non hai debate algún no Estado. Son actuacións concretas de forzas políticas españolas que non só esqueceron, tamén traizoaron, os intereses de Galiza. Pasan a responsabilidade uns aos outros sen dar ningunha solución. Eses elementos están facendo que creza o apoio ao BNG.

Os votos do BNG servirán para termos un trato distinto para Galiza: para compensar o déficit histórico, para que se lle poña solución aos problemas industriais, para que teñamos unha tarifa eléctrica galega...

Mais o BNG, se vostede consegue un escano, pode ter que acordar con algunha desas forzas un Goberno para o Estado. Cal é a súa postura respecto diso?  

Se do BNG depende, non vai gobernar nunca a dereita. Iso, o primeiro. E, en segundo lugar, os votos do BNG nunca lle van saír gratis a ninguén. Sempre condicionamos calquera posíbel apoio a contrapartidas para Galiza. Iso permitiu que no ano 2009 o país obtivera por vez primeira por riba dos dous mil millóns de euros en investimentos do Estado, tres veces máis que en 2019... Iso será o que fagamos nun escenario sen maiorías absolutas. Os votos do BNG servirán para termos un trato distinto para Galiza: para compensar o déficit histórico, para que se lle poña solución aos problemas industriais, para que teñamos unha tarifa eléctrica galega, para que se transfira a AP-9, para que se derroguen dunha vez leis antisociais como a lei mordaza, a LOMCE ou as reformas laborais, para que suban as pensións... 

Entre todas estas medidas que cita, cal delas é agora mesmo a máis urxente?  

Penso que é urxente ofrecer unha solución para a industria galega en crise, porque estamos asistindo a un proceso de desmantelamento da pouca capacidade industrial que lle queda ao país. Penso en Alcoa, Megasa, Ferroatlántica, Poligal, que xa fechou, Isowat, R, os estaleiros ou Endesa. Queremos alternativas. Queremos unha tarifa eléctrica galega que apoie tamén estas empresas, e unha decisión do Goberno central que impida un feche de Endesa sen unha transición xusta.

Néstor Rego entrevista xerais 2019 Novembro 10-N (2)Estase falando moito ou pouco da cuestión territorial nesta campaña, desde o punto de vista da soberanía e das competencias?  

Os outros falan pouco e nós falamos diso porque pensamos que é fundamental. Que Galiza teña voz en Madrid é un paso clave para defender o país, pero tamén un primeiro paso para defender outras cousas, entre elas, a soberanía de Galiza, a capacidade para poder decidir sobre o noso. Moitos dos problemas que ten o país son derivados das decisións que outros toman por nós e case sempre contra nós... en Madrid ou en Bruxelas. Queremos decidir por nós.

Con que obxectivos?  

Apostamos por nacionalizar o sector enerxético, que é un sector estratéxico para que a produción se poña ao servizo do país e non do lucro das grandes corporacións. Queremos avanzar nun status xurídico diferente para Galiza que nos recoñeza como nación e nos dea máis capacidade para decidir e mellorar en cuestións como o modelo de financiamento, ir asumindo competencias en materia laboral ou de infraestrutura, ou a capacidade para recadar os impostos, que sen seren a solución definitiva si supoñan un avance. 

Falar de soberanía en Galiza hoxe é máis sinxelo grazas ao contexto catalán?  

Nós, cando falamos de soberanía, facémolo pensando no noso país e nas consecuencias que ten para Galiza carecer dela. E, en positivo, das posibilidades que se abrirían para o país. O BNG defende o dereito de autodeterminación para todos os pobos, comezando polo noso. É un dereito político fundamental. E o BNG defende a democracia, os dereitos e as liberdades públicas. Por iso denunciamos a involución antidemocrática do Estado español nos últimos tempos. Con fitos como a sentenza do procés que o que fai é criminalizar eses dereitos.

O BNG defende o dereito de autodeterminación para todos os pobos, comezando polo noso. É un dereito político fundamental.

Houbo un intento desde o Goberno de xogar cos tempos para manipular a campaña en favor do PSOE?  

A verdade é que non o sei. Si parece demasiada casualidade que a exhumación dos restos de Franco se faga en pre-campaña. Foi un acto de exaltación do réxime franquista e impropio dunha democracia. O Goberno puxo moito empeño nese xesto, pero moi pouco na axenda galega da memoria histórica e na recuperación do incautado polos Franco, como a Casa Cornide ou as figuras do Pórtico da Gloria, ou Meirás, sobre o que finalmente presentou, despois de moita presión, esa demanda. Se quixeron utilizar a exhumación, non creo que lle saíse ben.

Que asuntos cre que non conseguiu colocar a campaña nacionalista no debate electoral?  

Fixéronse máis visíbeis a reivindicación dunha tarifa eléctrica galega e todo o que ten a ver coa crise industrial; tamén a demanda da transferencia da AP-9. Pero ademais insistimos moito en subir os salarios e as pensións mínimas en Galiza para situalas a par co 60% do salario medio do Estado. Falamos ademais dun plan de retorno e darlle saídas laborais a toda esa mocidade que agora ten que emigrar. Son propostas que quedan agochadas nos medios, pero que están na nosa campaña.

Comentarios