Após ser designada candidata do BNG, Pontón defende un proxecto “coa cabeza e o corazón” na Galiza

O BNG designou Ana Pontón candidata da formación frontista ás eleccións galegas na reunión do Consello Nacional que tivo lugar na mañá do sábado. A tamén portavoz nacional erixiu o BNG como alternativa aos Gobernos “sen razón e corazón do PP”.

CONSELLO NACIONAL

O Consello Nacional, reunido este sábado en Compostela, ratificou Ana Pontón como candidata do Bloque, após as votacións que tiveron lugar na última semana nas asembleas comarcais realizadas ao longo do país.

Precisamente, diante do órgano de dirección da formación, Pontón salientou que asume o reto de ser candidata á Xunta de Galiza “con confianza no proxecto nacionalista e “coa firme convicción de que o BNG representa a alternativa de presente e de futuro ante o desastre de Gobernos sen razón e sen corazón do PP”.

A prioridade: o regate social de Galiza

Nesa liña, a candidata nacionalista á presidencia da Xunta salientou que para ser alternativa é imprescindíbel “ter corazón e sentir como propios os problemas da xente”. “O BNG existe para darlle esperanza a todas as persoas que acreditan que este sistema está caduco e que hai que situar como prioridade o resgate social de Galiza”, engadiu.

Os obxectivos da candidatura

Para acadar a prioridade do resgate social, a candidata do BNG marcouse tres obxectivos fundamentais: un novo estatus que lle permita a Galiza capacidade real para dar solucións, a blindaxe dos dereitos sociais, educación, sanidade e loita contra a exclusión e a aposta nos sectores produtivos para a creación de emprego de calidade.

A do BNG será unha candidatura que aposte "nun cambio real das políticas desde a nosa propia realidade"

A candidata do BNG salientou a necesidade de “construír unha axenda co pobo”, convencida de que o resgate nacional e social “son as dúas caras da mesma moeda”. Apelou, así, a defender Galiza, a igualdade e a dignidade. En definitiva, dixo, a nacionalista "será unha candidatura que aposte nun cambio real das políticas desde a nosa propia realidade". Para iso, advertiu de que o Bloque xa traballa na elaboración do programa electoral para os comicios galegos desde a experiencia dos 30 anos de loita da organización polo país.

As eleccións xerais, unha oportunidade

A respeito das eleccións xerais, Ana Pontón sinalou que o BNG “vai converter en oportunidade para Galiza o fracaso das forzas estatais, vellas e novas”. Engadiu que a repetición das xerais representa unha ocasión para que Galiza recupere voz propia en Madrid.

Así, a candidata do Bloque dixo estar convencida de que o pobo galego “tomou nota” de que “Galiza quedou desaparecida nestes catro meses de paripé, teatro, roldas de prensa, xestos cara a galería, nos que os problemas do país non preocuparon, nin ocuparon a ningunha forza política do novo bipartidismo a catro”.

O BNG, salientou, está preparado para ofrecer ao electorado unha candidatura de unidade, “pero de todos e todas as que pensamos que Galiza ten que ter voz propia no Congreso, sen recibir instrucións das direccións dos partidos en Madrid”.

"O BNG non comparte a idea de que Galiza non pode soa, ou que precisa alianzas de primos de zumosol”

Fixo unha bricandeira cando subliñou que o Bloque “non comparte a idea de que Galiza non pode soa, ou que precisa alianzas de primos de zumosol”. “Honestamente, o que precisamos é un proxecto político ca cabeza e co corazón aquí, que non teña que pedir permiso a ninguén de cando e como pode defender os nosos intereses, como sempre fixo o BNG tamén no Congreso”, concluíu.

Agradecemento nas redes sociais

Ao pouco de ser ratificada candidata polo Consello do BNG, Ana Pontón publicaba unha entrada nas redes sociais para dar "mil grazas ás mulleres e homes do BNG pola vosa confianza e apoio para ser candidata do Bloque á Presidencia da Xunta. Un reto que asumo con humildade, mais con toda convicción e optimismo na alternativa nacionalista".

"Unha candidatura para unir a galeg@s nunha alternativa de futuro e coller da man a todas as persoas que perderon a esperanza. Precisamos alternativas de verdade, con propostas e corazón. Aquí estamos para dar a cara e defender soños e utopías!", salientaba a portavoz nacional da formación frontista.

Comentarios