Após ser desautorizado por Pablo Iglesias, Breogán Riobóo destitúe o seu número dous

O secretario xeral de Podemos na Galiza, Breogán Riobóo, vén de destituír o seu número dous, Borja San Ramón, que até o de agora era o secretario de Organización da formación morada no país. Foi substituído por Cristina Laya, a que era responsábel de mocidade de Podemos.

Podemos Galiza
photo_camera Breogán Riobóo, nunha imaxe de arquivo

Logo de ser desautorizado por Pablo Iglesias en relación ás súas críticas a En Marea e á posibilidade de que Podemos concorrese en solitario ás eleccións galegas, Breogán Riobóo decidiu destituír o número dous de Podemos na Galiza, Borja San Ramón, debido á “perda de confianza”, segundo publica este domingo La Voz de Galicia.

O secretario de Organización foi substituído por Cristina Laya –até o de agora responsábel de mocidade de Podemos na Galiza- nunha reunión extraordinaria da formación morada que tivo lugar en Compostela na tarde do sábado.

O pasado domingo Breogán Riobóo anunciara que os parlamentares Antón Gómez Reino e Ángela Rodríguez abandonaban os seus cargos orgánicos como responsábeis da Secretaría Política e de Igualdade, respectivamente, na Mesa Cidadán. Xustificouno na imposibilidade de acumular varias persoas. Porén, a corrente crítica de Podemos na Galiza advirte dunha ruptura entre estes dirixentes. 

Comentarios