SEGUNDO GONZáLEZ

“Após os resultados do 20-D é aínda máis evidente a necesidade de que Galiza estea no Congreso”

Segundo González é representante da Fronte Obreira Galega (FOGA), unha das organizacións que concorrerá nas eleccións do 26X en coligazón coa marca BNG-Nós Candidatura Galega. 

Segundo FORGA

- FOGA volta a optar por concorrer ao 26X na coligazón Nós-Candidatura Galega coa que foi nas eleccións do 20D. Fan a mesma análise que entón?

- O resultado das eleccións do 20 de decembro amosan que tiñamos razón no que deciamos sobre o grupo parlamentar galego, sobre a necesidade de que houbese un. Ficou aínda máis claro, máis en evidencia a necesidade de que Galiza estea representada no Congreso. Apostamos en voltar a concorrer na mesma fórmula porque seguimos agora a defender o que defendiamos hai catro meses, non houbo cambios substanciais na situación...

- Que considera que está en xogo nestas novas eleccións?

- Hai dous factores que entendo que son chaves. Un, a perspectiva de clase, a necesidade de estar alí para exercer forza en cuestións como, por exemplo, derrogar as reformas laborais ou recortes de dereitos. E, despois, hai outra perspectiva, que ten moita importancia: ter presenza como nación. Agora mesmo, Galiza está nun segundo nivel a respeito doutros territorios, que si teñen presenza e exércena nas Cortes. Non pode ser que fiquemos relegados a ser unha simple comunidade autónoma, un simple territorio subordinado...

"Non pode ser que fiquemos relegados a ser unha simple comunidade autónoma, un simple territorio subordinado..."

- Foi unha 'mini-lexislatura' breve,. Que tiran como conclusión do acontecido nestes catro meses?

- Como FOGA, e como parte de Nós-CG, hai que ter en conta que o 20D non logramos o noso obxectivo, e iso é un golpe, pois desilusiona. Non me gustan palabras como fracaso, porque presentarse, estar aí, dar a batalla, explicarse, falar coa xente, debater... non é nunca un fracaso. Mais é certo que non acadar presenza xerou unha certa desilusión. Mais agora vén outra campaña, e aí que estar aí con ilusión, pisando a realidade, sabendo que non vai ser doado, mais con ilusión.

- FOGA estivo na fundación de Anova, en 2012, da que optaron por se ir desmarcando dous anos despois. Como ve, desde fóra e como ex, a situación que se vive no partido, co debate que hai en En Marea...

Hai moita atención mediática.... Eu do de En Marea non me pronuncio, mais si que estivemos en Anova e vemos como a ilusión que había en 2012, aquela cousa dun proxecto de base, aberto, ilusionante... non existe. Houbo moito dedazo. Mais Anova é pasado para nós.

- Voltando ás eleccións do 26X, non semella que vaia haber grandes variacións, polo que agoiran enquisas e sondaxes, na representación que vaia saír das urnas na Galiza, o que non sería unha boa nova para a candidatura na que se integran...

- Nós mantemos a ilusión, iso sempre, e as gañas e disposición de traballar. Imos estar aí, sabendo tamén que nestas eleccións hai unha parte de limiar das que van ter lugar en outono, das galegas, e aí si que nos xogamos o ser ou non ser.

Comentarios